O alumnado galego premiado na Exporecerca perfecciona os seus deseños para acudir ás vindeiras feiras internacionais

luns, 9 de abril do 2012 Raquel Noya

Iria Míguez e Alba Cortés co seu detector de radioactividade

Na segunda quincena de novembro de 2012 celebrarase en Bratislava (Eslovaquia) unha das feiras internacionais de ciencias máis importante do momento, a ESI 2012, que contará coa presenza das galegas Iria Míguez e Alba Cortés, dúas alumnas ourensás que conseguiron a súa clasificación directa na Exporecerca 2012, onde se fixeron co segundo premio da súa categoría.
O deseño que as fixo merecedoras de asistir a este evento internacional foi un detector de radiacións caseiro económico, que foi usado para avaliar as posibles zonas con risco radioactivo na súa terra.
Este sistema, ao igual que os de outros alumnos de Centros de Ourense e Vigo que tamén resultaron vencedores noutras categorías do Exporecerca, foron desenvolvidos no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia e financiado pola Consellaría de Economía e Industria.
Segundo informaron á volta do Exporecerca os responsables das Aulas, máis da metade do total dos proxectos defendidos neste certame por alumnos e alumnas galegas resultaron galardoados, a maioría deles, como é o caso, coa asistencia a feiras internacionais e estancias titorizadas en centros de investigación.
Por exemplo, os estudantes do Colexio Guillelme Brown de Ourense acapararon seis dos premios logrados pola delegación galega na Exporecerca, co que dous dos seus equipos viaxarán a Rusia en xuño para participar na Exposcience Europe e un terceiro viaxará á Feira Westenschaps de Bruxelas (Bélxica) a finais deste mes de abril.

PUBLICIDADE