O autobús galego da Sociedade da Información comeza a rodar

martes, 2 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

A Subdelegación do Goberno en Lugo acolleu este luns a “botadura” do vehículo co que AGESTIC e ASAJA – Xóvenes Agricultores de Galicia queren contrarrestar dalgunha maneira a falta de oportunidades de acceso á Rede que existen (ou mellor dito: que non existen) no rural galego. A idea que alenta o Infobus Bussi (que se así se chama, o vehículo en cuestión) non é a de facer que a fenda dixital se note menos na Galiza non urbana, senón contribuír a que desapareza. Neste caso concreto e formando parte dun programa máis amplo chamado Infored, a iniciativa consiste en facilitar o camiño dos veciños do rural á Internet poñéndolla practicamente perante a porta da casa.
Amais diso, achegaranse actividades de formación. Por certo que o vehículo xa está en marcha, a día hoxe facendo o percorrido entre Muras e Celeiro, pasando por Ourol.
Mañá, o itinerario segue cara ó Vicedo e Xove. Na “botadura” do autobús participaron o subdelegado do Goberno, Jesús Otero Calvo, o presidente de AGESTIC, José María López Bourio e máis o secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultores, Juan Pérez Orozco.

PUBLICIDADE