O bus argalleiro de Creactivity chega esta semana a Boiro

luns, 19 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O concello de Boiro vai recibir esta semana a visita do proxecto itinerante Creactivity, impulsado pola Obra Social La Caixa para facer voar o talento innovador, científico, tecnolóxico e artístico que todas as nenas e nenos levan dentro. A xira, unha xira STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e Maker (argalleira e creativa, baseada no método-principio básico e integrador de Faino coas túas mans), chantará o seu autobús creativo na praza do Concello os días 21, 22 e 23 de agosto.
O vehículo será o centro de operacións dun completo programa de actividades para espertar o enxeño da rapazada, a súa destreza e a súa creatividade. Estas accións van destinadas a escolares de entre 6 e 16 anos, e tamén a grupos familiares. As xeiras terán unha duración de 90 minutos.
Os cativos participarán en obradoiros con materiais cotiás e ferramentas para dar vida ás súas propias ideas. O espazo conta con diferentes áreas para poñer en práctica diversas habilidades como unha zona de mecánica, con engrenaxes, máquinas, bolas e pinballs; unha zona de vento, con tubos por onde flúe o ar; outra de electricidade e unha cuarta de luz, co sistema stopmotion.
A xira Creactivity visitou os días pasados as localidades de Rianxo (até hoxe 19 de agosto), Cedeira, Bueu, Mondoñedo, Carballo, Cangas ou Vilagarcía, entre outras vilas e cidades.
Baseado na metodoloxía de traballo e formación do deseño intelixente (Design Thinking), o espazo Creactivity busca que os participantes realicen creacións e construcións científicas ou tecnolóxicas, xa sexa de forma individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios desafíos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento Tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.
O obxectivo último do Creactivity é “empoderar aos nenos e nenas para intervir no mundo que lles rodea”. Inspírase, tamén, no movemento mundial argalleiro: o movemento Maker, que defende un xeito colectivo de facer innovación, enxeños concretos que axuden a mellorar a nosa vida e a protexer o medio ambiente potenciando as moitas cualidades que todas as nenas e nenos levan dentro. Trátase da filosofía do “faino ti mesmo” levada ao extremo, en tecnoloxías e ciencia.

PUBLICIDADE