O centro Gradiant dáse a coñecer polo miúdo á nova Xunta

luns, 19 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A secretaria xeral de Modernización e Innovación da Xunta, Mar Pereira, vén de visitar as instalacións de Gradiant, centro tecnolóxico con sede en Vigo e dedicado a investigar as posibilidades das novas tecnoloxías no desenvolvemento da nosa terra, sobre todo as máis estreitamente ligadas á información. A cita de Mar Pereira co equipo humano de Gradiant celebrouse o pasado venres e o obxectivo da mesma foi darlle a coñecer á titular de Modernización os obxectivos xerais e os proxectos concretos nos que está a traballar o centro na actualidade.
Por certo que na xuntanza con Pereira participaron activamente os integrantes do equipo directivo de Gradiant, entre os que se incluíu Fernando Pérez, director xeral, quen estableceu diálogo a través de videoconferencia.
A reunión tamén serviu para que a secretaria xeral dese a coñecer as súas competencias e liñas estratéxicas e, en base a isto, preparar o terreo para máis que posibles proxectos compartidos. Na imaxe, Daniel Pereira (investigador do centro), amósalle á responsable da Xunta de Galicia en materia TIC a funcionalidade dunha pantalla táctil en proceso de desenvolvemento.
Despois da toma de contacto co equipo directivo, Pereira puído coñecer de primeira man as instalacións de Gradiant e máis as iniciativas nas que o centro está a traballar arestora, na súa meirande parte ligadas á innovación e ao pulo da investigación mesma. Sinalar que Gradiant foi presentado oficialmente en abril de 2007 a raíz dunha fronte de traballo colaborativa integrada pola anterior Xunta de Galicia, as tres universidades galegas e as empresas e entidades Arantia 2010, Arteixo Telecom, Eganet, Egatel, Gsertel, Indra/Soluziona, Ineo, R, Telefónica, Televés, Tele2-Comunitel e Tredess.
Máis polo miúdo, este escenario de investigación xurdiu coa finalidade de incrementar a investigación na Sociedade do Coñecemento nos eidos educativo, público e empresarial, sendo un dos seus grandes cometidos o de ligar na medida do posible os seguintes elementos: empresas, plataformas, clústers e Organismos Públicos de Investigación.

PUBLICIDADE