O centro de coworking de Lugo afronta a súa quinta edición cunha alta taxa de empregabilidade

luns, 17 de febreiro do 2020 Redacción

O Concello de Lugo presentou hoxe os detalles do seu novo Inicia Coworking (o seu programa de traballo e emprendemento colaborativo e innovador) ao tempo que fixo un chamamento á veciñanza para participar nunha iniciativa que, segundo dixo a alcaldesa, Lara Méndez, xa foi quen crear 350 postos de traballo e acadar unha taxa de éxito do 63% (a porcentaxe de emprendedoras/es participantes nas anteriores convocatorias que están a día de hoxe facturando). Inicia Coworking, impulsado polo Concello e a Escola de Organización Industrial, ten aberto xa o seu prazo (até o 10 de marzo) de inscrición.
A rexedora, acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, fixo saber que a quinta edición do programa “busca persoas emprendedoras”, e ofrece, “de xeito individual e gratuíto”, formación e acompañamento para a posta en marcha ou consolidación de novos proxectos de carácter innovador. Asemade, explicou que unha vintena de persoas poderán incorporarse a esta nova edición do programa, do que xa se beneficiaron 89 emprendedores nas catro convocatorias celebradas até o de agora.
Entre todas as inscricións realizarase unha selección de participantes desta nova convocatoria, que se prevé comece en marzo nas instalacións municipais do CEI-NODUS.
O Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, “animou a todas aquelas persoas con iniciativa e con ideas para novos proxectos a presentar as súas ideas a esta convocatoria”.
Méndez e Repetto tamén fixeron balance da actividade do CEI-NODUS: “Nos quince anos que leva en marcha asesorou a máis de 3.300 proxectos, creáronse aproximadamente 350 empresas e instaláronse no viveiro 105 proxectos empresariais, cunha supervivencia que rolda o 80%”. Amais, dixeron, “as 86 empresas que están en activo xeraron directamente máis de 340 postos de traballo e varias ducias de postos indirectos”.

PUBLICIDADE