O certame de TikTok #LugoPolaIgualdade xa ten pezas gañadoras

martes, 16 de marzo do 2021 S. P.

O certame en TikTok #LugoPolaIgualdade, organizado pola Casa da Muller ao abeiro da programación do 8-M, xa ten contribucións gañadoras. O obxectivo foi buscar, a través da recompilación vídeos na rede social TikTok, unha maior concienciación entre a mocidade lucense para loitar pola igualdade de xénero e en oposición ao machismo.
Talía Rodríguez Arribas, da man da asociación Down Lugo, impúxose a outras 9 persoas concursantes. A súa peza audiovisual xira en torno a rachar cos estereotipos e un xurado, composto pola concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana Abelleira, a técnico de igualdade da Casa da Muller, Belén Regueiro, e dous membros de Corto España como especialistas do eido audiovisual; escolleuna como a mellor das 10 propostas que concorreron ao concurso.
Talía Rodríguez será premiada con 200 euros. Así mesmo, o seu vídeo representará a Lugo na fase nacional do proxecto Rodando por la Igualdad, dentro do que se enmarcaba este certame, no que competirá con outros máis de 50 traballos doutras tantas localidades.
O segundo premio, dotado con 100 euros, foi para o alumnado do IES Ánxel Fole, dirixido pola profesora Felisa Redondo. Neste vídeo, amósase como rapazas e rapazas borran desigualdades.

PUBLICIDADE