O clásico Rogue Squadron chega a Steam

mércores, 30 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Un dos xogos da franquía de Star Wars máis lembrado e botado en falta era Star Wars: Rogue Squadron, comercializado en 1998 para Nintendo 64 e PC, pero que tal e como estaba desenvolvido tiña serios problemas para poder xogarse baixo Windows (por incompatibilidade dos seus modos gráficos) polo que máis dun nostálxico agradecerá que Steam estrease onte no seu catálogo de xogos Star Wars: Rogue Squadron 3D a un prezo de 9,99 euros, como tamén fixo con outro clásico da saga, Star Wars: Rebel Assault I + II (lanzado en 1993).
Con Rogue Squadron colocámonos na pel de Luke Skywalker pilotando distintas naves para participar en combates aéreos bastante variados e cunha mecánica arcade (ou sexa, cun enfoque moi diferente ao da franquía de xogos de X-Wing e TIE Fighter) que fai este xogo bastante asumible. Nesta nova versión é posible gozar do xogo nun ordenador moderno (incluso cun sistema operativo de 64 bits), e incluso empregar mandos de xogo tras a súa configuración, aínda que só podemos gozar do xogo en pantalla completa. Aínda que o xogo xa saíra hai uns meses en GOG.com, esta adaptación parece máis pulida e cunha maior compatiblidade de hardware.

PUBLICIDADE