O comercio de Lugo envórcase nas TIC para a súa nova campaña de Nadal
martes, 3 de decembro do 2019
Este
martes presentouse na sede da Deputación de Lugo (o Pazo de San
Marcos) a nova iniciativa de promoción da Federación Galega de
Comercio para as datas próximas do Nadal, unha estratexia novamente
ligada ás redes sociais e cun forte compoñente tecnolóxico
(anímase á participación integral da cidadanía a través dos seus
móbiles e tabletas, seguindo o ronsel de éxito das anteriores
edicións). A
campaña deuse a coñecer baixo o epígrafe Neste Nadal o comercio
local, tamén dixital.
Participaron
(entre outros) o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, o
presidente da Federación, José María Seijas, e o concelleiro de
Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Mauricio Repetto. Tomé
reivindicou os establecementos de proximidade por ser “un motor
importante da economía da provincia”, en tanto que xeran máis de
20.000 empregos e representan en torno ao 13% do Produto Interior
Bruto (PIB). Tamén salientou a vontade do sector por transformarse e
aproveitar ao máximo as novas tecnoloxías para achegarse á
cidadanía, renovarse e facerse máis rendíbel e competitivo.
A
campaña, que conta co apoio da Deputación, está dirixida aos
consumidores e encamíñase a fomentar o pequeno comercio a través
da venta online. José María Seijas, presidente da agrupación
de comerciantes, explicou que se sortearán 10.000 euros en premios
distribuídos en 20 tarxetas prepago regalo de 300 euros e outras 20
de 200 euros, que deberán utilizarse para volver a mercar nos
establecementos lucenses de proximidade.
“Dende
a Deputación de Lugo apoiamos todas as campañas a favor do pequeno
comercio porque é garantía de calidade, polo seu trato próximo e
porque o sector é un importante motor da nosa economía”, engadiu
Tomé. Na presentación da campaña, que concluíu coa visita a
comercios da cidade amurallada adheridos á campaña, participou
tamén Javier Soto, director territorial de ABANCA en Lugo.