O comercio en liña chinés quece motores de cara ao 11.11

luns, 21 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Dende China están a conseguir que o seu día especial de rebaixas a través da Internet, o 11 de novembro ou 11.11, estea á altura de campañas comerciais como o Amazon Prime Day ou o Black Friday e, de feito, a data chinesa está considerada como a de maior facturación a nivel mundial, de aí que dende o Alibaba Group, principais promotores desta iniciativa, xa anuncien que hoxe comezan o 11.11 Global Shopping Festival de 2019, ou sexa, que xa están a quecer motores para conseguir un ano máis de vendas masivas a nivel mundial.
A celebración chinesa botará a andar o 10 de novembro pola noite, cunha gala en Shanghai, na que acudirán numerosas estrelas e que poderá seguirse en directo por varias canles en liña. A xornada de rebaixas durarán 24 horas e estiman que podería supero un aforro para os consumidores de máis de 50.000 millóns de iuans (máis de 6.300 millóns de euros).
Aseguran que este ano estarán presentes máis de 200.000 marcas no 11.11, que porán á venda 1 millón de novos produtos e no que esperan superar os 500 millóns de compradores (o ano pasado chegaron aos 400 millóns).
Alibaba ten unha grande presenza comercial global, aínda que a través de distintas marcas como Tmall, Taobao, Lazada ou, a máis recoñecible en España, AliExpress, con conseguiu consolidarse como a segunda plataforma de comercio electrónico no noso territorio, só por debaixo de Amazon, demostrando o pulo que o comercio electrónico chinés conseguiu nos últimos anos, e do que farán gala o vindeiro día 11.

PUBLICIDADE