O concurso Lingua de namorar actualízase con Instagram na súa décima edición
venres, 12 de febreiro do 2021
O certame de declaracións de
amor en galego na rede Lingua
de namorar que
impulsan a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección
Xeral de Xuventude incorpora
unha terceira categoría de premio exclusiva en Instagram baixo o
lema #NamorarEnPandemia.
A décima edición do concurso
que se convoca cada febreiro vai dirixido á mocidade de entre 14 e
35 anos, que poderán participar na Rede.
“É importante visibilizar e dinamizar as iniciativas de promoción
do uso do galego nos espazos nos que se move a mocidade, adaptalas a
eles, e incentivar a súa participación”, explicou o secretario
xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Deste xeito, o certame amplía
así o seu alcance a unha das redes sociais máis empregadas pola
xente nova e da posibilidade á mocidade de amosar nesta nova edición
o seu espírito creativo á vez que fai uso das súas habilidades
coas novas tecnoloxías. A presentadora galega Esther Estévez é o
mellor exemplo deste proxecto, xa que é capaz de unir á perfección
as dúas calidades anteriormente mencionadas a través do popular
cancelo e mediante os seus vídeos en plataformas como Instagram e
TikTok.
Esta nova edición do concurso
inclúe tres categorías de participación: de 14 a 19 anos, de 20 a
35 anos e de 14 a 35 anos. Para poder participar, as dúas primeiras
categorías seguirán
o procedemento habitual de participación na
web oficial do concurso.
Para facelo na terceira categoría é necesario facelo desde o seu
perfil de IG, seguir a @XuventudeGalicia e @LinguaGalega e escribir,
na publicación habilitada no primeiro perfil unha mensaxe de amor en
galego de ata 200 caracteres.
Os interesados en participar
poderán facelo desde hoxe ata o vindeiro 12 de marzo e así poder
optar aos premios dispoñibles: tres bicicletas eléctricas, dúas
tabletas e dúas cámaras deportivas.