O creador da Web 2.0 inaugurará o FICOD deste ano

martes, 27 de setembro do 2011 Raquel Noya

Tim O’Reilly, considerado o creador do concepto Web 2.0 e “gran gurú das novas tecnoloxías”, vai ser o encargado de abrir, o vindeiro 22 de novembro, as sesións da quinta edición do Foro Internacional de Contidos Dixitais FICOD 2011, que se celebrará en Madrid os días 22, 23 e 24 do mesmo mes.
O´Reilly, que no ano 1992 publicou o primeiro libro divulgativo sobre Internet, compartirá coas persoas asistentes a súa visión sobre os principais retos aos que se enfrontan os medios actualmente, como o social media, os contidos pagados ou os libros electrónicos, entre outros aspectos.
E é que nesta edición de FICOD, os temas a tratar estarán relacionados co mercado emerxente dos contidos dixitais, os mercados de negocio que xorden grazas ás novas tecnoloxías e os retos aos que se terá que enfrontar o sector no futuro, que se darán a coñecer a través de relatores de renome nacional e internacional de sectores tan dispares como o da música, o ocio interactivo, a animación, a produción audiovisual, o sector editorial, a publicidade online...
Este ano, como novidade na estrutura de FICOD, prestarase especial atención aos emprendedores e emprendedoras, o primeiro chanzo da cadea de valor e a innovación, que poderán atopar no recinto feiral distintas sesión de desenvolvemento, presentacións de creadores e relatorios que abordarán, entre outros, os temas do financiamento e dos inicios no sector empresarial.
Asemade, na edición deste ano, que contará con México como país convidado, tamén se entregarán os premios FICOD, cuxa candidatura aínda está aberta, e os Premios Internacionais á Innovación Audiovisual en Internet INVI de RTVE.es.

PUBLICIDADE