O director da AMTEGA inaugura o Demo Day do Programa de Emprendemento en Ciberseguridade
mércores, 17 de xuño do 2026
Esta mañá inaugurouse o Demo Day do Programa de Emprendemento en Ciberseguridade, unha xornada organizada pola AMTEGA e Wayra no marco do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais da Xunta de Galicia. Durante o evento, as startups presentan as súas solucións, desenvolvidas ao longo do programa de incubación e aceleración, apoiado pola Xunta a través de iniciativas de asesoramento, mentoring e capacitación.
O acto de inauguración estivo presidido polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey, quen fixo fincapé na relevancia da especialización tecnolóxica e da soberanía dixital no desenvolvemento económico e social de Galicia.
Durante a súa intervención, Damián Rey sinalou que a transformación dixital representa “unha oportunidade única para unha rexión como Galicia”, grazas á combinación de tecnoloxías como o Internet das Cousas, o 5G, a intelixencia artificial (IA) ou a economía do dato, que permiten unha xestión máis eficiente do territorio e unha mellora na prestación dos servizos públicos.
Asemade, o director da AMTEGA subliñou a necesidade de impulsar unha transformación dixital segura, baseada na protección das persoas e dos datos, e na relevancia de contar cun tecido empresarial TIC forte e competitivo, capaz de dar resposta aos retos estratéxicos da Comunidade.
Para achegar datos, Galicia conta actualmente con case 23.500 persoas empregadas no sector TIC e arredor de 3.200 empresas tecnolóxicas, cifras que sitúan á Comunidade como quinta a nivel estatal neste eido e evidencian o crecemento e consolidación deste ecosistema.
Damián Rey quixo engadir as accións levadas a cabo pola Xunta neste contexto, como é o caso da creación dun Centro de Excelencia en Ciberseguridade, a posta en marcha de nodos de especialización tecnolóxica ou o impulso do ecosistema GobTec, que busca fomentar o desenvolvemento de solucións innovadoras en colaboración co tecido empresarial.
