O director da Fundación Mobile World Capital Barcelona, galardoado polo CPEIG
luns, 24 de xuño do 2019
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG) entregará o Premio Colexiado de
Honra ao director xeral da Fundación
Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau. O recoñecemento,
xunto con outros nove galardóns, entregarase no marco da Noite
da Enxeñaría en Informática que se celebra o 28 de xuño en
Santiago (Hotel Monumento San Francisco). O Colexio concede a
Grau o devandito galardón polo “seu labor profesional no ámbito
da Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, así como no
desenvolvemento de negocio dixital”.
Carlos
Grau Lara é enxeñeiro industrial pola Universidade Politécnica de
Cataluña, e PDD por IESE. Tras ocupar diversos cargos de dirección
de vendas e mercadotecnia en empresas do sector TIC, como
Hewlett-Packard, Accenture, Sun Microsystems o Telefónica, Grau
uniuse a Microsoft como director xeral en Cataluña. Nos últimos
anos, o premiado centrou a súa actividade no eido da innovación,
onde liderou proxectos como Biid, startup centrada na
identidade móbil, ou Step One Ventures, fondo de capital de risco
que inviste en compañías tecnolóxicas con alto potencial de
crecemento.
Grau
tamén exerceu como mentor para emprendedores a través de Barcelona
Activa ou o programa de aceleración Startupbootcamp IoT and Data,
impulsado en colaboración con MWCapital. En novembro de 2017, Carlos
Grau foi nomeado director xeral de Mobile World Capital Barcelona
(MWCapital).
Como
lembraremos, a Mobile World Capital Barcelona é unha iniciativa
“dirixida ao desenvolvemento dixital da sociedade e axudar a
mellorar a vida das persoas”. Con apoio público e privado,
MWCapital centra a súa actividade en catro áreas: a aceleración da
innovación a través do emprendemento tecnolóxico; a transformación
da industria mediante a tecnoloxía dixital; o medre do talento
innovador entre as novas xeracións e os profesionais; e a reflexión
sobre o impacto da tecnoloxía na nosa sociedade. MWCapital acolle o
evento MWC Barcelona e fundou 4 Years From Now, a plataforma
de negocios para a comunidade de startups presente en todos os
eventos de MWC en todo o mundo.