O dominio .gal podería recibir a aprobación da ICANN no verán

martes, 23 de abril do 2013 Marcus Fernández

Imaxe dun acto celebrado o ano pasado no que anunciouse publicamente a presentación da candidatura para un dominio para a lingua e a cultura galegas

A Asociación PuntoGal vén de dar conta de que a candidatura galega por un dominio para a lingua e a cultura galega presentada ante a ICANN non recibiu ningunha obxección por parte dos gobernos representados en tal organismo (nin xurdiu ningún outro solicitante para o sufixo .gal), á vez que déronse varios pasos para que comecemos a ver a meta desta longa carreira que está a ser facerse co desexado dominio .gal, que podería recibir o visto bo este mesmo verán, de xeito que a finais do presente ano ou comezos do ano que vén podería ser realidade o desexado dominio galego de primeiro nivel.
O proceso para a creación de novos dominios de Internet contou con 1.917 candidaturas, dando conta da alta demanda existente en colectivos de distinto ámbito para ter un sinal de seu na Rede, e para avaliar estas propostas realizou se un sorteo no que adxudicouse o posto 742 á proposta galega e das que o pasado venres deron conta de que xa superaran a avaliación inicial 169 solicitudes, polo que aínda faltarían uns meses para que superar este paso que debería rematar a avaliación de todas as propostas realizadas o 31 de agosto (sempre que ICANN respecte o calendario fixado, algo que non é moi habitual neste organismo).
Tras a aprobación inicial por parte do tribunal avaliador aínda quedarían varios pasos até termos o dominio plenamente operativo, entre os que figurarán os pertinentes períodos que se establecerán para que os propietarios de marcas poidan protexer os seus intereses rexistrando os seus dominios baixo os novos dominios de primeiro nivel antes da súa apertura ao público xeral, evitando así as prácticas especulatorias que eran tan habituais cando o número de dominios de primeiro nivel era máis limitado.
Dende a Asociación PuntoGal queren aproveitar a ocasión para agradecer o respaldo de máis de 13.700 persoas e 110 institucións de todo o país, entre as que figuran os organismos máis relevantes da cultura galega (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega...), as tres universidades, ducias de asociacións culturais de base, 20 asociacións de emigrantes baseadas en Europa e América, empresas tecnolóxicas, medios de comunicación... Tampouco faltou o apoio da Xunta de Galicia, canalizado nos últimos tempos a través da AMTEGA, que contribuíu a este proceso que camiña cara ao seu éxito, que agardamos poder celebrar en poucos meses.

PUBLICIDADE