O fenómeno da serie web Pringadas chega a AGalega

venres, 8 de novembro do 2024 S. P.

A produtora Brava confirmou que xa está dispoñíbel na plataforma AGalega, a primeira temporada de Pringadas, serie web incluída entre as grandes preferencias da mocidade galega e que conta a historia de tres compañeiras de piso que se apoian, cometen erros e perden os nervios ao tentar sobrevivir a ese “espazo baleiro” que hai entre a adolescencia e a vida adulta.
Escrita e dirixida por Belén Puime (A Coruña, 1998), sería en palabras de Brava a primeira webserie que aborda a vida universitaria galega dende a ficción, “sempre cunha mirada feminista e transgresora”. O percorrido deste proxecto comeza cando gaña o Premio a proxecto do Carballo Interplay 2021, para acadar despois da súa estrea o premio Mellor Serie Galega no mesmo festival, ser finalista nos premios Mestre Mateo do Audiovisual e nomeada a Mellor Serie Española. Tamén conta cun historial de mancheas de eventos a nivel autonómico e nacional, chegando encher máis de 600 butacas no Teatro Colón da Coruña e a proxectarse no Palacio Cibeles de Madrid.
Estes éxitos abríronlle as portas das plataformas Atresplayer, Playz, RTP Lab ou Freeda, “defendendo sempre o galego como marca de calidade”.
Ademais, chegou a ser a primeira ficción seriada en galego de Filmin, e a primeira serie en galego dirixida por unha muller que logrou entrar nunha plataforma.
Segunda temporada
A nova entrega de Pringadas está producida por Brava para a CRTVG, na que estará dispoñíbel en próximas datas. Nela poderemos ver unha continuación dos temas que propuxo a primeira parte, como son a sexualidade, os coidados ou as ITS.
Pringadas é un proxecto feito da man de Brava, unha produtora galega emerxente liderada por Cristela Torres e Bea Villar, a cal se focaliza en facer contido desde unha perspectiva actualizada e feminista dirixido á mocidade. Entre os seus proxectos recentes, Brava produciu obras como a serie A moza que abortou e o contou (2024), e os programas Raíña-me! (2024) ou A Previa (2024) para CRTVG.
Para anunciar e celebrar a volta do fenómeno de Pringadas ás nosas pantallas, o pasado mércores 6 de novembro celebrouse a presentación da segunda tempada nun evento que encheu a Igrexa da Universidade da USC. Mocidade galega, o equipo da serie e membros de CRTVG e da USC puideron asistir a un entretido evento conducido por Belén Puime e Uxía Vázquez. Nesta actividade desfrutouse dun adianto exclusivo da serie, a presentación dos temas que se verán nos episodios e o paso por un photocall.