O .gal xa figura entre os candidatos a novos dominios de Internet

mércores, 13 de xuño do 2012 Marcus Fernández

ICANN celebrou hoxe en Londres un evento coñecido como Reveal Day destinado a dar a coñecer as candidaturas presentadas dentro do programa de novos dominios xenéricos de Internet de primeiro nivel (gTLD) e resolver numerosas dúbidas sobre o proceso que suporá un dos maiores cambios na historia da Internet.
Xa é posible consultar as 1.930 candidaturas a novos dominios, das que 116 corresponden a dominios internacionalizados (con carácteres non occidentais como o árabe, o cirílico ou o chinés), 84 dominios comunitarios e 66 dominios xeográficos (existindo algunhas interseccións entre estas categorías) e con algúns dominios con múltiples aspirantes para a súa xestión, entre os que destacan .app (13 aspirantes), .home (11), .inc (11), .art (10), .blog (9), .book (9), .llc (9) e .shop (9).

Candidaturas moi variadas

Distribución xeográfica das candidaturas a novos gTLD

As candidaturas españolas son bastante diversas, de xeito que temos propostas empresariais como .telefonica, .terra, .zara, .bbva, .lacaixa, .mango, .movistar, .seat e .sener; rexións como .barcelona, .bcn, .catalonia e .madrid; e dominios sociolingüísticos como o .eus e o .gal.
A nivel internacional podemos atopar compañías que presentaron numerosas candidaturas: Microsoft (.azure, .bing, .docs, .hotmail, .live, .microsoft, .office, .skydrive, .skype, .windows, .xbox), Amazon (.app, .audible, .author, .aws, .book, .bot, .box, .buy, .call, .circle, .cloud, .coupon, .deal, .dev, .drive, .fast, .fire, .free, .game, .got, group, .hot, .imdb, .jot, .joy, kids, kindle, .like, mail, .map, .mobile, .moi, .movie, .music, .news, .now, .pay, .pin, .play, .prime, .read, .room, .safe, .save, .search, .secure, .shop, .show, .silk, smile, .song, .spot, .store, .talk, .tunes, .tushu, .video, wanggou, .wow, .yamaxun, .you, .zappos, .zero, .amazon e numerosas versión internacionalizadas desta última palabra) e Google (preto dun cento de dominios xunto con .google e os seus equivalentes en chinés e xaponés). Mentres que Yahoo (.yahoo, .flickr) ou Apple (.apple) foron moito máis modestas. En boa medida sorprende ver que numerosas compañías buscasen rexistrar as súas marcas como dominios de primeiro nivel, pois se o único que buscaban era protexer os seus intereses, poderían facelo opóndose a quen usurpase as súas marcas rexistradas, non tendo moito sentido ter que administrar un gTLD de non facerse un uso activo do mesmo.

Dende ICANN responderon a numerosas dúbidas sobre o proceso que chegaron tanto en persoa como por vía telemática

De feito, durante a rolda de prensa de anuncio das candidaturas dende ICANN quixeron deixar claro que o proceso de aceptación de novos dominios de Internet de primeiro nivel non ten nada que ver co rexistro ou a resolución de conflitos relativos a dominios de segundo nivel, de aí que esteamos ante un procedemento moi complexo e con numerosas fases.

Moitos meses por diante

En xullo comezará a avaliación das candidaturas, analizándose se un dominio é demasiado semellante a outro, se cumpre cos requisitos técnicos e se corresponde cun nome xeográfico. Tamén comprobarase que os aspirantes están capacitados técnica, operativa e financieiramente para xestionar un dominio de primeiro nivel, e no caso de que as propostas inclúan algún servizo de rexistro, analizarase se poden causar algunha inestabilidade no sistema de DNS.
A avaliación inicial rematará entre decembro e xaneiro, dando comezo a unha nova fase do proceso no que os dominios que non resultasen problemáticos (como debería de acontecer co .gal) principiarían a súa fase de pre-delegación, para poder entrar a operar nos seguintes meses. O resto do caso poderían pasar a un proceso de avaliación estendido e, no caso de existir varios candidatos para un mesmo dominio, tamén comezará o proceso de selección do operador máis axeitado.
De todos os xeitos, a axenda de ICANN para a creación dos novos gTLD é só estimada, polo que non serían de sorprender os adiamentos, como xa aconteceu coa fase de presentación de candidaturas (que veuse conxelada temporalmente por mor de problemas técnicos).

PUBLICIDADE