O galego está practicamente desaparecido nas reproducións musicais dos adolescentes galegos

mércores, 1 de decembro do 2021 S. P.

Os profesores de ensino público Manolo Maseda e Martiño Ramos compartiron con nós os datos dunha investigación feita ao abeiro do proxecto colaborativo Ao Son da Nosa Música, cuxo obxectivo é impulsar a música en galego entre a mocidade de xeito innovador e participativo, fomentando a dinamización lingüística, social e cultural. O proxecto leva parella unha análise (na que colaboraron un milleiro de alumnas e alumnos de entre quinto de primaria e segundo de bacharelato) para coñecer os referentes musicais do noso alumnado. Segundo indican, neste estudo previo “resulta moi alarmante o descoñecemento que as novas xeracións teñen da música galega”.
De feito, o informe deixa claro que a nosa lingua está practicamente desaparecida nas escolmas de cancións que elabora a adolescencia a través dos seus servizos de streaming. Das canles preferidas, destacan, nesta orde, Youtube, Spotify, TikTok e, por último, a radio.
A análise, nun plano máis específico, revela que o 80% confesa que nunca -ou case nunca- escoita música en galego, que máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e que un 40% do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego.
A enquisa revela tamén a ausencia da música en galego nas propias aulas de música, cun 50% que resposta escoitala poucas veces e un 27% nunca.
Por artistas, Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as solistas e bandas máis coñecidas pola rapazada. En canto aos estilos: o pop, o reggaetón e o rap son os xéneros preferidos polos adolescentes, cun 64%, 53% e 44% respectivamente.
En relación aos hábitos de consumo de música, un 62% nunca mercou música. Entre o 38% que si o fixo un 45% investiu en música en castelán, un 35% música en inglés e tan só un 17% asegura que mercou música en galego. En canto aos medios dixitais que se empregan para escoitar música YouTube destácase como o máis empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e a radio cun 35%. Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguida de preto do grupo de amizades.
No mes de xaneiro, este proxecto socio-educativo presentará os resultados definitivos da investigación e partillará as propostas de mellora que considera oportunas para reverter esta situación conxuntamente coas outras cinco secuencias didácticas.

PUBLICIDADE