O investigador do CITIC José A. Iglesias Guitián recibe unha das seis bolsas TIC da Fundación BBVA

mércores, 16 de xuño do 2021 S. P.

O investigador do CITIC da Coruña José A. Iglesias Guitián recibiu unha das seis bolsas Leonardo a Investigadores e Creadores Culturais, outorgada pola Fundación BBVA, na categoría de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Cunha dotación global de máis de dous millóns de euros, as bolsas Leonardo están destinadas a apoiar proxectos persoais de investigadores e creadores culturais en estadios intermedios da súa carreira, que se caractericen por “unha significativa produción científica, tecnolóxica ou cultural”. Nesta convocatoria concedéronse 58 bolsas, entre as 1.274 solicitudes presentadas.
José A. Iglesias Guitián, como dixemos, é un dos seis bolseiros na sección de Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Recibirá unha axuda de 40.000 euros para a posta en marcha do proxecto Simulación do transporte de luz para a reconstrución e manipulación interactiva de imaxes volumétricas a través de dispositivos de realidade virtual. Neste proxecto expón investigar e desenvolver novas técnicas para a reconstrución e visualización do transporte de luz en volumes tridimensionais (Tomografías Computarizadas ou Resonancias Magnéticas) e novos paradigmas para a súa visualización interactiva a través de dispositivos de realidade virtual.
José A. Iglesias Guitián é investigador en ciencias da computación, especializado en computación visual e computación gráfica. Foi receptor de tres axudas europeas Marie Curie e actualmente é investigador do CITIC e da Universidade da Coruña grazas ao programa Ramón y Cajal e ao programa InTalent da UDC-Inditex.

PUBLICIDADE