O luns anunciarase Assassin’s Creed IV: Black Flag

venres, 1 de marzo do 2013 Marcus Fernández

A portada da versión de PS3 do xogo adianta que incluirá 60 minutos de xogo exclusivo

Aínda que Assassin’s Creed II contase con varios capítulos complementarios (La Hermandad e Revelations), parece que a aceptación de Assassin’s Creed III non foi o suficientemente boa como para seguir polo mesmo camiño, e xa está a circular información sobre o que sería a súa secuela, Assassin’s Creed IV: Black Flag, que saltará ao mundo dos piratas polo que podemos ver en imaxes filtradas do que sería a súa portada, podendo incluso lerse na versión para PlayStation 3 unha lenda que asegura que esa entrega contará con 60 minutos de xogo exclusivo.
Espérase que este novo título estree o seu trailer o vindeiro luns, cando debería anunciarse a súa data de lanzamento, aínda que a páxina web de Ubisoft conseguiu estragar a sorpresa, filtrándose que a data de lanzamento deste xogo para PC, PS3, Xbox 360 e Wii U será o 29 de outubro. Tamén está previsto que o xogo estea dispoñible na vindeira xeración de consolas de videoxogos (PS4 e a futura Xbox).
Un detalle que pode sorprender é o feito de que Assassin’s Creed IV: Black Flag estará ambientado no Caribe en 1715, e terá como protagonista ao avó de Connor, o protagonista de Assassin’s Creed 3, ou sexa, que non avanzaría no tempo como sería de agardar.

PUBLICIDADE