O matamarcianos Super Hydorah sae á venda para Xbox One e PC

mércores, 20 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Froito da colaboración entre Juan Antonio Becerra Locomalito e Abylight Studios chega por fin un xogo imprescindible para os amantes dos xogos de naves de desprazamento lateral propios dos anos 80, Super Hydorah, que pode mercarse por 11,99 euros para Xbox One e PC (Steam), e sería o máis semellante que podemos atopar na actualidade a clásicos como Gradius, Nemesis ou R-Type, xogos aos que imita en moitos aspectos, permitindo incluso aplicar un filtro de imaxe para dar á imaxe un aire de monitor de tubo.
Este shoot’em up colócanos aos mandos dunha nave Delta Lance que ten que defender a estrela Omios da invasión dos Meroptians, criaturas bio-mecánicas desapiadadas con sede de conquista, para o que hai que equipar a nave, elixir rutas e loitar planeta a planeta contra os inimigos. O xogo é todo un desafío, transcorre de xeito non lineal (con selección de ruta) e ofrece en todo momento unha acción directa que tanto agradecerán os amantes dos xogos retro.
Super Hydorah conta cun total de 21 niveis divididos en 35 sub-niveis con cadanseu xefe final e máis dun cento de inimigos; 3 modos de xogo (un xogador, multixogador cooperativo e un minixogo chamado robot chase); con control analóxico superpreciso (imprescindible para esquivar os ataques inimigos ao milímetro); con perigos de diferente natureza en cada nivel; e incluso cun coidado aspecto sonoro cunha banda sonora orixinal con máis de 60 cancións.
Un novo título que é por fin realidade para Xbox One e PC, e que confíase en que máis adiante chegue a outras plataformas como PS4 e Nintendo 3DS (de seguir os pasos de Maldita Castilla EX).

Tráiler de lanzamento de Super Hydorah

PUBLICIDADE