O móbil Lumigon T2 tamén funciona como mando a distancia universal

mércores, 29 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

O móbil inclúe un sensor de infravermellos para facer as funcións de mando universal

A danesa Lumigon levou ao Mobile World Congress de Barcelona o seu novo teléfono Lumigon T2, un elegante terminal co sistema operativo Android 4.0 que destaca polos seus detalles en aceiro, pantalla de 3,8 polgadas cunha resolución de 480x800 píxeles con cristal Gorilla, son de grande calidade grazas á tecnoloxía ICEpower de Bang & Olufsen e a posibilidade de operar como mando a distancia universal para controlar por infravermellos o noso televisor, a nosa cadea de música ou outros dispositivos domésticos coma o aire acondicionado.
Este móbil tamén ten unha boa cámara de 8 Mpíxeles e cun botón lateral dedicado á mesma, facilitando o seu uso. Aínda que a cámara integra recoñecemento facial, tamén será posible premer sobre a pantalla nos puntos que se desexe enfocar. Funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon a 1,4 GHz, soporta tarxetas de memoria microSDHC de ata 32 Gb, conta con GPS, compás dixital, Wi-Fi e Bluetooth, e tampouco prescinden de emisor/receptor de radio FM e tecnoloxía NFC, de xeito que non todo é aparencia neste completo terminal que ten un grosor de só 9,9 milímetros. Chegará ás tendas antes do verán.

O Lumigon T2 contará cunha cámara de 8 Mpíxeles capaz de gravar vídeo en alta definición
Este terminal coida especialmente a súa estética

PUBLICIDADE