O nodo CIBER.gal crea un grupo de traballo dirixido ás empresas

xoves, 17 de xuño do 2021 S. P.

Galcia, a través do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, vai dispor dun grupo de traballo dirixido ás empresas. Este grupo de traballo comezará a súa actividade nas vindeiras semanas e programará accións ao longo deste ano. Como lembraremos, CIBER.gal é unha iniciativa impulsada pola axencia autonómica AMTEGA e as principais entidades públicas e privadas relacionadas coa seguridade nos ámbitos dixitais.
A nova foi dada a coñecer no marco do foro rexional da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información (ISMS), que se celebrou esta mañá en Vigo e que foi inaugurado cunha intervención da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
Durante a sesión, o director de Infraestruturas e Seguridade da AMTEGA, Adrián Lence, presentou o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, unha estrutura de cooperación que conecta axentes públicos e privados, entre os que se atopan as principais entidades de referencia de España, como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) ou o Centro Criptolóxico Nacional (CCN). Tamén forman parte do Nodo as catro deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincial (FEGAMP) e a AMTEGA, ademais de entidades privadas que se están a incorporar na a actualidade.

PUBLICIDADE