O novo seminario Co(m)xénero mostrará distintas maneiras de ceibar os videoxogos do machismo

xoves, 14 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mes de novembro toca poñer sobre a mesa a cuestión dos videoxogos dende unha óptica feminista e libre de estereotipos e ideas preconcibidas. Este será un dos obxectivos básicos da nova convocatoria de Co(m)xénero, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da Universidade de Santiago, que volve, en palabras das organizadoras, “para dar voz ás mulleres que fan dos videoxogos a súa paixón e a súa profesión”. Participarán xogadoras, comunicadoras, desenvolvedoras, pioneiras galegas, docentes, programadoras, artistas e divulgadoras. A cita será os días 18 e 19 deste mes, na Facultade de Ciencias da Comunicación, xuntando forzas para “repensar as formas nas que o sexismo persiste no sector”.
A asistencia ás xornadas é de balde previa inscrición na web do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, organizador do seminario en conxunto coa Oficina de Igualdade de Xénero da universidade. O prazo remata este venres 15 de novembro.
Participan como relatoras neste terceiro seminario Co(m)xénero as seguintes expertas e profesionais das novas tecnoloxías e as novas formas de comunicación: Nieves R. Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña e Premio Nacional de Informática 2019; e Dhaunae De Vir, desenvolvedora de negocio transmedia en Paradox Interactive, empresa responsábel de éxitos como o Europa Universalis, o Crusader Kings ou os populares xogos de vampiros e lobishomes ambientados no World of Darkness (Mundo das Tebras).
Xunto a Nieves e Dhaunae compartirán experiencias e puntos de vista María Fernández Hermida, creadora e iluminadora de escenarios virtuais para videoxogos e embaixadora da asociación internacional Women in Games; e Marina Amores, comunicadora audiovisual especializada en videoxogos e xénero e coordinadora de Protesto! (AnaitGames, 2018), o primeiro libro en castelán que aborda os videoxogos cunha perspectiva feminista.
Máis actividades
O programa compleméntase con sesións de proxeccións e debates ao redor de “pezas audiovisuais que pescudan as formas nas que o sexismo se manifesta dentro e fóra dos xogos” amais de obradoiros cos que “desbotar estereotipos e aprender a facer videoxogos para todas e para todos”.
Luz Castro, profesora especializada en creación dixital da Universidade da Coruña e co-fundadora da empresa Imaxin Software; Beatriz Legerén, docente especializada en deseño e creación de videoxogos na UVigo e Olaia Ferrando, investigadora, deseñadora UI/UX e ilustradora, serán as encargadas de impartir as devanditas sesións.
Xogamos todas
Os eSports ou deportes electrónicos serán a temática estrela o martes 19 de novembro. Ao abeiro desta xornada, xogadoras galegas reunidas para a ocasión medirán as súas forzas con outro equipo competitivo español nun pequeno torneo de exhibición de Overwatch que se celebrará no auditorio da Facultade. A organización do seminario salienta que este torneo terá o aliciente de “ser a primeira partida de deportes en liña retransmitida e narrada en lingua galega”.
Os comentaristas serán Javier Martínez Vidal, máis coñecido como Gamer Vidal, e Minia Samku Monteagudo, ambos integrantes de Titan Media, empresa responsábel directa da retransmisión das competicións de Overwatch en español.
A quen vai dirixido
Coordinado pola directora do Grupo de Estudos Audiovisuais, a catedrática Margarita Ledo Andión, e a docente e investigadora da USC, Marta Pérez Pereiro, o seminario está dirixido a estudantes de comunicación, investigadoras e investigadores en formación, profesionais e, en xeral, “a todas as persoas interesadas en abordar os medios e as industrias culturais e creativas dende unha lectura crítica”. Pola súa relevancia como acción docente innovadora, o Co(m)xénero foi distinguido este ano nos X Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da a USC.

PUBLICIDADE