O novo xogo de Battletoads chegará o 20 de agosto

venres, 31 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Tras 26 anos o clásico xogo de loita Battletoads está de volta grazas a Dlala Studios en colaboración con Rare, compañía que vén de anunciar que este agardado xogo chegará a Xbox Game Pass, Xbox One e PC (Windows 10 e Steam) o vindeiro 20 de agosto.
Este xogo de para até 3 xogadores permite controlar a Zitz, Rash e Pimple, as Battletoads, que protagonizaran todo un brawler clásico (incluído na recompilación Rare Replay), e que agora recuperan ese tipo de xogo cun estilo gráfico debuxado a man e cunha historia narrada a través de cinemáticas totalmente animadas e dobraxe profesional, ou sexa, que estamos ante unha produción de peso que ofrecerá doses de acción e humor a partes iguais.
Estamos ante un xogo de loita tipo beat’em up que agradecerán os amantes do xénero que tan popular foi en máquinas recreativas a finais dos 80 e comezos dos 90, así como todos aqueles que gozan de xogos moi tolos e absurdos, así como os que buscan simplemente un xogo co que xogar cos amigos en modo cooperativo, para o que este tipo de título resulta ideal.

O Battletoads orixinal está incluído en Rare Replay

Tráiler no que se anuncia a data de lanzamento de Battletoads

PUBLICIDADE