O novos Moto Z apostan pola potencia e a modularidade

xoves, 9 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Lenovo confirmou a morte da familia de móbiles Moto X presentando hoxe o Moto Z e o Moto Z Force, smartphones que inicialmente só van comercializarse nos EE.UU. e que son dos terminais máis destacables dos últimos meses pola súa delgadeza e a posibilidade de mellorar as súas prestacións mediante módulos que poden suxeitarse de xeito magnético.
O Moto Z é un smartphone con pantalla AMOLED de 5,5 polgadas e resolución Quad HD, procesador Qualcomm Snapdragon 820, 4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 13 Mpíxeles, estabilización óptica de imaxe, apertura f/1.8 e flash de dobre LED, cámara frontal de 5 Mpíxeles, apertura f/(2.2 e flash, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, USB-C (para a carga, a conectividade de datos e incluso para conectar uns auriculares para os que inclúe un adaptador), lector de pegadas dixitais, NFC, resistencia á auga, batería de 2.600 mAh (que permitiría unhas 30 hora de uso), sistema de carga rápida TurboPower (que permite usar o móbil durante 8 horas tras só 15 minutos de carga), un grosor de 5,19 milímetros, un peso de 136 gramos e sistema operativo Android 6.0.1, que suma así unhas especificacións que serían do mellor que podemos atopar actualmente no mercado.
O Moto Z Force, pola súa banda, engorda até os 6,99 milímetros, o que permítenlle mellorar a súa cámara até os 21 Mpíxeles e a súa batería até os 3.500 mAh (achegándose unha autonomía de até 40 horas).

Vídeo promocional do Moto Z

Moto Mods

Un módulo poderá converter o Moto Z nun proxector

Pero o máis rechamante da presentación de Lenovo foron os Moto Mods, módulos para os Moto Z actuais (confiando en que tamén funcionen nalgunhas versións futuras) que se adhiren ao teléfono magneticamente engadíndolle funcionalidades e que non só acompañan así á proposta modular do LG G5, senón que melloran substancialmente a súa mecánica de uso (a súa colocación e axuste resulta moi doada grazas ao seu sistema de potentes imáns), conseguindo un resultado moi rechamante que inicialmente conta con varios módulos distintos: o Moto Insta-Share Projector (un pico-proxector capaz de converter o smartphone nun video-proxector que xera imaxes de até 70 polgadas), o JBL SoundBoost (que engade ao móbil un altofalante de alta potencia e calidade) e as Incipio offGRID Power Packs (que amplían a capacidade da batería interna podendo chegar a incrementar a autonomía en até 20 horas). Amais, esta tecnoloxía está aberta a desenvolvedores, de xeito que poderán crearse novos módulos que poidan ampliar así as funcionalidades dos potentes Moto Z ou permitan aproveitar eses smartphones para usos profesionais moi específicos. Aparte dos módulos avanzados, tamén estarán dispoñibles carcasas Moto Style Shell que empreguen a suxeición magnética para colocarse no smartphone e darlle un toque de estilo especial.

Vídeo promocional das Moto Mods

PUBLICIDADE