O primeiro robot contratado en Xapón traballa de recepcionista

mércores, 22 de novembro do 2006 Raquel Noya

Coma se dun prestixioso futbolista chegado da liga inglesa se tratase, o robot Yuriko é portada estes días nos medios de comunicación polo prezo que se pagou por el. Até 160.000 euros tivo que desembolsar a empresa xaponesa Ubix por este recepcionista de aspecto tan pouco depurado.
Desenvolvido pola empresa Practical Robotic Solutions, Yuriko traballa agora como recepcionista nas oficinas da empresa Ubix e segundo os compradores, pode falar tanto cos seus compañeiros (humanos) como coa xente á que recibe, cousa que nos parece evidente por tratarse dun robot recepcionista e non dunha fotocopiadora.
Ademais, está preparado para transportarlles obxectos ó resto de empregados e é sempre educado e eficaz cos que se dirixen a el, calidades que lle debían faltar ó empregado que ocupaba o posto anteriormente, traballador que (dicimos nós) podería seguir desenvolvendo o seu labor, polo menos dez anos máis, no seu antigo posto, por unha cantidade sensiblemente menor cá que se pagou polo seu frío e impersoal substituto. Yuriko vén de converterse (inconscientemente?) nunha das primeiras integracións totais en Xapón, onde tamén se están a dar pasos en proxectos de robots que no futuro acabarán por substituír ós humanos, levando a cabo as actividades encomendadas tradicionalmente ós mesmos, como labores de hostalería, de apaga lumes ou de vixilancia.

PUBLICIDADE