O programa Xbox All Access chega a España

martes, 30 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Hai uns anos Microsoft iniciou nos EE.UU. o programa Xbox All Access, que facilitaba a compra de consolas Xbox One xunto cos servizos de subscrición da compañía, facendo así máis asumible e satisfactoria a adquisición dunha nova consola, e finalmente temos Xbox All Access en España como un xeito de mercar unha Xbox Series X ou Xbox Series S xunto cunha subscrición a Xbox Game Pass Ultimate durante 24 meses, sendo o primeiro distribuidor en ofrecer este programa a cadea de tendas GAME.
Con Xbox All Access non será preciso afrontar unha entrada á hora de mercar unha nova consola a prazos, de xeito que só haberá que afrontar 24 mensualidades, que serán de 24,99 euros se queremos facernos cunha Xbox Series S ou de 32,99 euros se queremos unha Xbox Series X (aínda que cómpre salientar que desta última hai problemas de stock dende o seu lanzamento).
Na práctica, este programa supón a contratación dun empréstamo con CaixaBank sen xuros, de xeito que a compra dunha Xbox Series S co Game Pass Ultimate supón un total de 599,76 euros, mentres que a Xbox Series X co Game Pass Ultimate quedaría en 791,76 euros, prezos que resultan bastante razoables, xa que o servizo de subscrición Game Pass Ultimate inclúe máis dun cento de xogos (entre os que figuran todos os novos lanzamentos de Xbox Game Studiso) dispoñibles para consola, PC e dispositivos móbiles a través da nube, así como unha subscrición a EA Play, o que para moitos xogadores supón non ter que adquirir ningún xogo durante un par de anos, podendo gozar dun inmenso catálogo de xogos durante ese tempo.

PUBLICIDADE