O proxecto Finis terrae reconstrúe virtualmente dous sitios militares romanos da Laracha e Touro
xoves, 5 de setembro do 2024
Os campamentos romanos de Santa Baia (A Laracha) e o Castrillón (Touro) foron reconstruídos virtualmente ao abeiro do proxecto de investigación e divulgación Finis terrae, destinado a coñecer e poñer en valor sitios militares do exército romano na provincia da Coruña que foron descubertos nos últimos anos. Este proxecto guindou unha manchea de conclusións sobre estes emprazamentos. Por exemplo que foron encravados en sitios arqueolóxicos previos, ampliados coa presenza militar romana, e que foron construídos e abandonados con rapidez.
Estes xacementos arqueolóxicos foron investigados entre 2002 e 2023 por membros do colectivo romanarmy.eu co apoio da Deputación da Coruña, e cos datos elaboráronse detalladas recreacións virtuais e outros materiais divulgativos accesíbeis para o público. Na presentación dos resultados do proxecto participaron o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, José Manuel Costa, profesor da Universidade de Salamanca e coordinador do proxecto Finis Terrae, Manuel Gago, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e Francisco Alonso Toucido, arqueólogo da empresa Tempos Arqueólogos.
O principal obxectivo científico do proxecto foi afondar no coñecemento dos momentos iniciais da conquista romana do territorio da actual provincia da A Coruña mediante o uso de metodoloxía arqueolóxicas. Con este fin, os esforzos concentráronse no estudo de dous xacementos singulares. O sitio de Santa Baia (A Laracha) presenta a particularidade de que no mesmo lugar existiron un castro da Idade do Ferro e un campamento romano dunhas 5 ha de extensión. Os traballos arqueolóxicos confirmaron a presenza dunha potente muralla no primeiro caso que puido datarse entre os séculos VI e III a. C., sen que poidan descartarse cronoloxías anteriores. As intervencións demostraron que o campamento, como corresponde a este tipo de fortificacións temporais, foi construído con rapidez, escavándose un foso e levantándose un parapeto de terra detrás do mesmo. Logo do seu abandono, desmantelouse con igual velocidade.
Pola súa parte, o sitio do Castrillón (Touro) é unha fortificación de pequeno tamaño que conta con dous recintos defensivos con dúas fases construtivas: un complexo sistema de terrazas que aproveita os afloramentos rochosos locais e unha serie de parapetos levantados con pedra e terra. Polo momento, as investigacións parecen apuntar “cara a coidada construción do primeiro sistema antes da chegada dos romanos (séculos V-IV a. C.)”, mentres que o segundo evidencia “unha rápida refortificación e ampliación dos espazos defensivos que se relacione coa chegada dos romanos á zona”.
Segundo sinalou Costa, “os obxectivos científicos do proxecto cumpríronse totalmente, pois logramos xerar nova información que nos permitirá entender mellor este complexo período histórico e tivemos ocasión ademais de testar distintas metodoloxías científicas que axudarán a outros investigadores no futuro”.
Na presentación dos resultados lembraron que unha das liñas máis destacadas do proxecto é “o esforzo por producir materiais divulgativos que facilitaran a divulgación do traballo de investigación entre a sociedade”. Deste xeito, o proxecto apostou por un conxunto innovador de produtos para difundir a investigación, colaborando con profesionais de distintos ámbitos do sector cultural galego que contribuíron a facer visíbeis as hipóteses dos arqueólogos en relación aos xacementos de Santa Baia e O Castrillón. En concreto, inclúense ilustracións a cargo do recoñecido debuxante Alberto Taracido, detalladas recreacións virtuais das dúas fortificacións investigadas a cargo do Centro Infográfico Avanzado de Galiza (CIAG), integrado pro Anxo Miján, Carlos Paz e Miguel Torre, que se plasman en vídeos bilingües en galego e inglés e detalladas imaxes.
“As recreacións permiten non só crear empatía entre os cidadáns e os xacementos arqueolóxicos, senón que se converteron mesmo nunha ferramenta para comprobar a viabilidade dalgunhas hipóteses do equipo de investigación”, sinalou Manuel Gago, responsábel desta área, engadindo que “optamos por botar man das tecnoloxías máis realistas para modelar non só os xacementos, senón a paisaxe da época, nas recreacións máis ambiciosas de sitios militares romanos feitas ata o momento en Galicia”. Así mesmo, sinalou, un podcast realizado polo produtor sonoro Jorge Lama permite trasladar en formato conversacional os resultados nun dos formatos narrativos con maior crecemento nos últimos anos.
O proxecto Finis terrae
O proxecto Finis Terrae está coordinado polo profesor José Manuel Costa García, da Universidade de Salamanca e membro do colectivo de investigación Romanarmy, coa execución arqueolóxica da empresa Tempos Arqueólogos. A iniciativa está financiada pola área de Cultura da Deputación da Coruña co obxectivo de coñecer como se produciu a penetración de Roma no noroeste da Península a través do estudo dos xacementos localizados nos últimos anos grazas ás novas tecnoloxías. O proxecto contemplou a prospección arqueolóxica dos sitios, a realización de sondaxes arqueolóxicas e a preparación de materiais divulgativos que deran conta á sociedade dos resultados.