O shooter de hai 21 anos ponse á venda nunha versión actualizada

martes, 22 de setembro do 2015 Marcus Fernández

A tenda dixital de videoxogos descargables sen DRM, GOG, anunciou hai poucas horas unha rechamante novidade, xa que colleron o clásico xogo de acción en primeira persoa System Shock, lanzado tal día como hoxe en 1994, e actualizárono nunha Enhanced Edition, que incorpora soporte oficial para resolucións de pantalla de até 1.024 x 768 píxeles (a resolución orixinal era de 640 x 480 píxeles) e incluso un modo panorámico de 854 x 480 píxeles, o que facilita o goce do xogo en equipos actuais (aínda que segue a ser posible empregar os modos orixinais).
Esta revisión do xogo tamén corrixiu fallos detectados (ou sexa, que sería unha actualización tradicional) e tamén incluiría soporte para o control do punto de vista mediante o rato e teclas re-configurables (podendo elixir entre 3 patróns distintos: controis orixinais, controis personalizados e controis para zurdos).
Este clásico pódese mercar renovado dende hoxe a un prezo promocional de 16,18 euros.

Agora o xogo tamén pode gozarse en pantallas panorámicas

Tráiler da versión mellorada de System Shock

PUBLICIDADE