O software libre toma a palabra o día 26, coa celebración de FLISoL A Coruña
martes, 15 de setembro do 2020
O
vindeiro sábado 26 de setembro vaise celebrar en formato online
a edición 2020 do
evento FLISoL A Coruña, un encontro directamente encamiñado a
mostrar achados e contribucións en materia de software libre e a
deixar espazo aberto, sen atrancos, para o intercambio de recursos e
coñecemento. A xornada contará con diferentes charlas relacionadas
co mundo do software libre e a cultura sen cancelas. Segundo fai
saber a organización, achegarase a máxima interactividade cos
internautas, que poderán enviar preguntas e comentarios aos
participantes nas charlas a través de chats e audio-conferencias.
O
FLISoL é o evento de difusión de software libre máis referencial
no ámbito latinoamericano e está dirixido a un amplo abano de
destinatarios (estudantes, académicos, empresarios, traballadores,
funcionarios públicos, seareiros dos programas e das tecnoloxías
libres, etc), abranguendo dende expertos avanzados en programación
até usuarios con niveis básicos de coñecemento informático.
O
FLISoL, no que podemos participar de xeito gratuíto, ten a
finalidade de impulsar o software libre, dando a coñecer ao público,
segundo reflicte o portal Mancomún, “a súa filosofía, alcances,
avances e desenvolvemento”.
Nas
charlas previstas para esta edición falarase, entre outras, das
seguintes cuestións:
–
De Markdown á nube.
–
Explorando Pandoc.
–
Presentacións con LaTeX e ferramentas web.
–
Android: O manexo da terminal e a instalación dunha distribución de
GNU/Linux sen necesidade de root.
–
COVID-19. Elaboración de informes con QGIS.
–
O meu robot aspirador chama a China!
–
O meu móbil me espía? A difícil tarefa de escapar do capitalismo
da vixilancia.
–
Platformio, unha contorna libre de programación de
microcontroladores.
–
Soberanía dixital para a defensa dunha cidadanía global: o caso de
Enxeñería Sen Fronteiras.