O spam telefónico de compañías eléctricas vai camiño da súa desaparición

martes, 20 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Actualmente está aberta a consulta pública o proxecto de Real Decreto que regulará o subministro e a contratación do sector eléctrico en España, destacando por darlle un maior protagonismo aos consumidores, para o que se inclúen varias disposicións para a súa protección, entre os que resulta especialmente relevante a prohibición da contratación por vía telefónica, o que podería rematar con boa parte do spam telefónico e dos calotes que padecemos na actualidade.
Concretamente o proxecto de Real Decreto recolle que «o comercializador non poderá realizar publicidade nin prácticas de contratación non solicitadas polo usuario por vía telefónica, salvo que exista unha petición expresa por parte do consumidor ou a chamada sexa orixinada pola súa propia iniciativa. Nestes casos, o comercializador deberá gravar a totalidade da chamada, independentemente de quen a orixine, incluíndo toda a información achegada ao consumidor e, no seu caso, a información precontractual coas características básicas da oferta».
Deste xeito, se un consumidor desexa realizar a contratación telefónica, poderá facelo, pero coa garantía de que se gravará a chamada íntegra da contratación e non unicamente o momento no que se acepta o contrato, reducindo tamén as posibilidades de abuso na contratación.
O que quedará totalmente prohibido é a realización de chamadas comerciais para incitar ao cambio de compañía, medida moi drástica que ten que levarse a cabo despois de avalanchas de reclamacións nos últimos anos, do mesmo xeito que hai 6 anos se prohibiu a contratación a porta fría.