O streaming da obra O charco de Ulises acada 800 conexións desde 18 países

luns, 25 de xaneiro do 2021 Pedro Pérez

O Centro Dramático Galego (CDG) inaugurou o seu servizo de emisión en liña dos seus espectáculos coa montaxe O charco de Ulises, nunha sesión que contou cun coloquio en streaming desde o Salón Teatro de Santiago de Compostela e que foi seguida a través de 800 dispositivos conectados desde 18 países de catro continentes diferentes.
O evento acolleu a persoas de outras comunidades autónomas de España, así como doutros países de Europa (Alemaña, Francia, Holanda, Italia, República Checa, Reino Unido, Suecia, Suiza), de América (Arxentina, Brasil, EE.UU., México, Uruguai), de África (Mozambique) e de Asia (Singapur e Turquía).
A montaxe O charco de Ulises foi o inicio desta nova actividade do CDG, tratando unha versión libre do clásico grego, desde a perspectiva da emigración galega.
O texto sitúa o clásico Homero nun contexto transatlántico, que narra a vida de Ulises vinculado co fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. A proposta do mito orixinal de Ulises muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
A iniciativa, dada a gran repercusión que tivo e a boa interacción entre os participantes, abre novas vías de achegamento ao público no actual contexto de restricións de actividades e de limitación de mobilidade por mor da COVID-19.

PUBLICIDADE