O sucesor espiritual de Wing Commander supera os 44 millóns de dólares en crowdfunding

luns, 26 de maio do 2014 Marcus Fernández

Parecía que a campaña de micromecenado iniciada por Chris Roberts para facer realidade Star Citizen, xogo que sería o sucesor espiritual do clásico de 1990 Wing Commander, era todo un éxito por conseguir superar 6 millóns de dólares (dos que 2,1 millóns proviñan de Kickstarter), pero agora que falta pouco para que o xogo dea os seus primeiros pasos temos que esta cantidade económica non era máis que a punta do iceberg, pois Roberts vén de publicar unha carta aberta na que anuncia que este mes conseguiron superar xa os 44 millóns de dólares a través da súa campaña de captación de fondos (a través da que permiten adquirir contidos para o xogo de xeito anticipado).
Roberts asegura que o seu equipo está a traballar en Arena Commander, un pequeno modo de combates de cazas espaciais multi-xogador que está previsto que vexa a luz o vindeiro xoves, e que sería un interesante anticipo do xogo que ten previsto o seu lanzamento o ano que vén.
Os mecenas do xogo tamén poderán gozar de contidos adicionais como unha habitación de cartografía estelar xuntos aos seus hangares, que permitiralles ter unha representación holográfica do universo do xogo, para facilitar a súa exploración.

Star Citizen será basicamente un xogo de naves espaciais, pero levará a experiencia moito máis aló dos combates aéreos


Vídeo promocional de Star Citizen

PUBLICIDADE