O último Ratchet & Clank terá versión para PC

martes, 30 de maio do 2023 Marcus Fernández

O xogo Ratchet & Clank: Una dimensión aparte foi un dos títulos que se deron a coñecer durante o evento de presentación da PlayStation 5, pero este grande traballo de Insomniac Games vai deixar de ser exclusivo de PS5, xa que Nixxes Software está a adaptalo a PC, de xeito que o vindeiro 26 de xullo será posible facerse con este título en Steam ou na tenda de Epic Games a un prezo de 59,99 euros.
Este xogo que é todo un espectáculo visual será aínda máis espectacular que a versión para PS5 se contamos cun equipo informático potente, xa que fai uso de numerosas tecnoloxías gráficas avanzadas (nVIDIA DLSS 3, AMD FSR 2, Intel XeSS, nVIDIA Reflex, nVIDIA DLAA...), así como tamén será compatible con numerosas relacións de aspecto, que non se limitan ampliar até o 21:9 (ultrapanorámico), senón que tamén aceptan a relación 32:9 (para 2 monitores) e incluso 48:9 (3 monitores), estando adaptadas as cinemáticas para que poidan verse satisfactoriamente en estas configuracións panorámicas que claramente non se tiveron en conta para a versión de consola (pois enténdese que a PS5 conéctase habitualmente a televisores cunha relación de aspecto de 16:9).
Ratchet & Clank: Una dimensión aparte poderá xogarse con teclado e rato, así como con mandos, destacando o feito de que se conectamos un mando DualSense por cable ao PC poderemos tirar proveito da resposta háptica e o efecto de gatillo dinámico.

Tráiler de Ratchet & Clank: Una dimensión aparte para PC

PUBLICIDADE