O volante Logitech G923 leva un paso adiante o force feedback
mércores, 5 de agosto do 2020
Aínda que os volantes para ordenadores e consolas son
accesorios cada vez máis raros de ver (en boa medida polo seu elevado prezo) é
un segmento que Logitech non esquece e así presenta o seu novo Logitech
G923, un volante de carreiras que conta coa nova tecnoloxía TrueForce, unha
evolución do force feedback que facilita a inmersión nos xogos ao
permitir que o condutor sinta cambios na superficie da estrada, o agarre, o
rechío dos pneumáticos... achegando aos desenvolvedores as ferramentas para que
as sensacións que perciban os xogadores sexan o máis realistas posibles, ao
integrarse cos motores de físicas dos xogos, interactuando cos motores de
físicas e son.
O volante de simulación de carreiras Logitech G923 Trueforce é compatible con
ordenadores persoais e consolas PlayStation e Xbox, podendo adquirirse por 399
euros en dúas versións en función da consola de videoxogos coa que queremos que
case a súa estética (Xbox One ou PlayStation 4). O volante tamén será
compatible coas consolas da vindeira xeración.
O Logitech G923 ten un deseño de luxo, con materiais de alta calidade
(aluminio, aceiro e coiro), conta coa función de dobre embrague nos xogos
compatibles, os pedais contan con resortes progresivos para replicar a resposta
de sistemas de freos sensibles á presión e incluso integra un indicador de
revolucións.
Aínda que este volante é compatible cun completo catálogo de xogos, polo
momento os únicos que tiran un proveito completo do mesmo son Assetto Corsa
Competizione, Gran Turismo Sport e GRID (2019), xa que son
compatibles con TrueForce, de xeito que achegan unha experiencia de xogo
mellorada. Espérase que xogos como iRacing, F1 2020 ou Dirt
Rally 2.0 reciban actualizacións en breve para poder aproveitar as
prestacións deste completo volante.
- Tanto o volante como pedais están construídos con materiais de calidade
Vídeo promocional do novo volante de Logitech