O voto por correo para as eleccións autonómicas pode solicitarse vía web

luns, 8 de xuño do 2020 Marcus Fernández

O mes pasado a Xunta Electoral Central aprobou a posibilidade de poder presentar a solicitude para votar por correo nas Eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 12 de xullo por vía telemática, mecanismo que veñen de activar na páxina web de Correos, de xeito que os cidadáns que conten con certificado dixital poden tramitar o voto por correo dende o fogar, e incluso poderán evitar o ter que levar persoal a súa papeleta á oficina de Correos, xa que na entrega da documentación será posible a recollida do voto, medida que evita ter que acudir ás habitualmente concorridas oficinas de Correos, buscando así manter uns comicios seguros a nivel sanitario.

Para presentar a solicitude en liña é preciso ter instalada a aplicación AutoFirma

Os cidadáns que desexen exercer o voto por correo poden acudir á oficina de Correos en persoa, como noutras convocatorias electorais, pero desta volta o trámite pode realizarse en liña identificándose mediante certificado dixital ou DNI electrónico (co certificado dixital en vigor) dende un ordenador que teña a aplicación de AutoFirma instalada, completando un sinxelo formulario no que hai que indicar o enderezo no que quere recibirse a documentación para exercer o voto por correo antes do 10 de xullo. Unha vez completada a solicitude en liña, tramitarase, e o cidadán xa non poderá exercer o seu dereito ao voto no colexio electoral habitual, podendo completar o procedemento directamente no seu fogar ou nunha oficina de Correos.
Cómpre salientar que este procedemento en liña só está dispoñible para electores que vaian exercer o voto por correo dende España (incluso os que residan no estranxeiro pero se atopen en territorio español nestas datas).

PUBLICIDADE