O xogo do Escuadrón Suicida ofrecerase sen custo adicional aos subscritores de Amazon Prime

xoves, 11 de xullo do 2024 Marcus Fernández

No marco da celebración do Prime Day de 2024 dende Amazon están a anunciar os xogos que agasallarán aos subscritores do seu servizo de pagamento, con tres títulos de bastante peso. Será o día 16 cando os subscritores recibirán tres xogos que se incorporarán na súa colección na tenda de xogos de Epic Games: Suicide Squad: Kill the Justice League, Chivalry 2 e Rise of the Tomb Raider: 20 Year Celebration.
É especialmente rechamante que ofrezan Suicide Squad: Kill the Justice League, xa que este título está considerado como un dos meirandes fracasos do último ano, provocado principalmente polo feito de que os xogadores estaban afeitos a gozar de xogos con campaña de Rocksteady Studios, e a proposta dun shooter de acción en terceira persoa quedaba moi lonxe do que se esperaba (como tamén aconteceu co xogo Gotham Kinghts).
Aproveitar o prestixio da serie de xogos Batman Arkham para lanzar títulos con propostas xogables totalmente distintas non está a ser do agrado do público, e sumarse a tendencias no mundo dos videoxogos sen ofrecer algo superior ao que xa hai no mercado tampouco é a mellor fórmula para acadar o éxito.
Dado que Suicide Squad: Kill the Justice League é un xogo con compras dentro da aplicación (para adquirir indumentarias, armas e outros elementos) o feito de que vaia estar dispoñible para os subscritores de Amazon Prime pode ser unha oportunidade para mellorar os ingresos deste título e reducir así as perdas ocasionadas para a súa editora.
Os outros xogos que ofrecerá Prime Gaming a semana que vén son menos polémicos, pois Chivalry 2 é un xogo de acción multixogador en primeira persoa inspirado nas épicas batallas medievais que puidemos ver no cine (e tamén pode beneficiarse da compra de contidos adicionais por parte dos xogadores ao que interese a súa proposta) e Rise of the Tomb Raider é a segunda entrega do reboot das aventuras de Lara Croft, que pode xogarse de xeito totalmente independente e xa inclúe contido adicional (a nova historia Blood Ties e un modo zombi chamado Lara’s Nightmare).