OM/ONE, o altofalante Bluetooth que levita

martes, 12 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Destacar entre a inmensa oferta de altofalantes sen fíos portátiles non parece algo doado, pero o OM/ONE parece telo conseguido ao optar por unha prestación que aínda non incluirá ningún dos seus competidores: será capaz de levitar sobre unha base.
Este altofalante Bluetooth 4.0 pode empregarse para escoitar música ou incluso para facer de mans libres do móbil (xa que integra un micrófono), e tanto pode empregarse en mobilidade grazas á súa batería interna, como usarse na súa base que fai que poida manterse flotando no aire. Precisamente o feito de que teña unha forma esférica e que non pare quieta no aire fai que por si mesmo non poida ser estéreo, polo que se queremos gozar de tal tipo de son deberiamos empregar 2 altofalantes deste tipo.
O altofalante é unha esfera de 9,14 centímetros de diámetro e 340 gramos de peso que pode acenderse e apagarse mediante un sensor táctil e que grazas á súa batería recargable integrada pode funcionar até 15 horas de reprodución continua. Comunícase por Bluetooth 4.0 até unha distancia de 10 metros e para poder levitar hai que empregalo en combinación cunha base de 16 centímetros de diámetro que inclúe un porto USB para poder cargar o altofalante esférico.
Este orixinal produto está a financiarse mediante compras anticipadas, agardándose que as súas primeiras unidades cheguen aos mecenas no mes de decembro a un prezo de 179 dólares (148,87 euros con gastos de envío incluídos) no seu modelo básico, podendo tamén mercarse unha edición na que a esfera adopta a forma dunha bola de discoteca, ou a posibilidade de mercar unha parella de altofalantes a un prezo reducido pensando no seu uso como sistema de son estéreo.


Vídeo de presentación do OM/ONE

PUBLICIDADE