OWC ofrece as capacidades dunha unidade SSD a través de USB 3.0

xoves, 16 de abril do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos vimos como os ordenadores experimentaban un importante incremento de velocidade grazas á emerxencia das unidades SSD como alternativas aos discos duros, e para facer accesible esta tecnoloxía en forma de unidades externas OWC presenta as súas novas unidades OWC Envoy Pro mini, que ofrecen velocidades de transferencia sostida de até 433 MB por segundo a través de conexións USB 3.0, o que é unha magnífica nova para os profesionais que precisen de unidades portátiles no seu fluxo de traballo (por exemplo, para traballar con imaxes de grande tamaño ou con vídeo en ultra alta definición). Lembremos que as transferencias a través de FireWire 800 son de aproximadamente 84 MB por segundo, mentres que por USB 3.0 teríamos que conformarnos con transferencias duns 37 MB por segundo.
Estas unidades de almacenamento compactas (miden 9,4 x 2,4 x 1,1 centímetros) chegan inicialmente en capacidades de 120 e 240 GB a prezos de 119 e 199 dólares respectivamente (110,58 e 184,93 euros), aínda que tamén está previsto que en breve estea dispoñible unha unidade de 480 GB a un prezo de 599 dólares.
As OWC Envoy Pro mini son compatibles con Linux, Windows XP ou superior e OS X 10,3 ou superior, destacando o feito de que en equipos de Apple incluso é posible empregalas como unidade de arranque, o que pode ser un xeito moi práctico de acelerar o funcionamento dun equipo que conte con USB 3.0 e empregue como unidade de sistema un disco duro tradicional.

PUBLICIDADE