Oddworld: New ‘n’ Tasty estrea versión para PS Vita

luns, 18 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O pasado mes de marzo os usuarios de PlayStation Plus cunha PlayStation 4 puideron facerse sen custo adicional con Oddworld: New ‘n’ Tasty, xogo que recupera un clásico da primeira PlayStation (Abe’s Oddysee) adaptándoo aos novos tempos, e que, tras unha boa acollida en PS3 e PS4, dá mañá mesmo o salto á PlayStation Vita, consola portátil para a que poderá mercarse este xogo de plataformas a un prezo de 19,99 euros. Cómpre salientar que o xogo non será compatible con PlayStation TV.
A adaptación deste xogo independente de boa factura á portátil de Sony supuxo principalmente unha reelaboración dos controis, para axudar aos principiantes, prestando moita atención aos botóns e os joysticks, modificando as zonas mortas analóxicas, dobrando os botóns L e R e asegurando que o protagonista vaia sempre exactamente a onde o xogador queira, o que é todo un reto cando falamos dunha consola que non pode controlarse sempre coa precisión dun mando de consola doméstica, xa que haberá usuarios que estean a gozar dos xogos, por exemplo, mentres van nun medio de transporte público, polo que hai que adaptar o sistema a un control menos preciso.
O xogo fai uso de todos os controis da PS Vita, incluíndo a pantalla táctil, pero tamén se incorporaron elementos da versión de PS4, como o sistema de gardado rápido e de carga rápida, que funcionan con só premer a tecla de select. Temos así un xogo que no seu salto a unha portátil non perdeu nin xogabilidade, nin estética nin humor, polo que os seareiros de Abe estarán encantados de poder gozar esta aventura en mobilidade.

JPEG - 88.9 KB
Con Oddworld: New ’n’ Tasty podemos retomar as aventuras de Abe’s Oddysee na PS Vita

PUBLICIDADE