OnlyFans recúa e non prohibirá o sexo explícito

mércores, 25 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A plataforma de contidos por subscrición OnlyFans anunciou que a partir do mes de outubro prohibirá o sexo explícito, que curiosamente foi o tipo de contido que popularizou o servizo, o que provocou unha forte reacción en contra por parte de creadores e usuarios, que vían a operación como un acto de censura desproporcionado.
Os responsables de OnlyFans aseguraron que as restricións dos contidos sexuais eran unha esixencia das entidades bancarias coas que fan viable a súa economía, pero en resposta ás críticas decidiron dar un paso atrás e suspender os cambios nas súas condicións de servizo que tiñan previsto realizar o 1 de outubro, mantendo o apoio a moitos creadores de contidos non recomendados para maiores de 18 anos que teñen serios problemas para atopar plataformas a través das que facer negocio.
Nos últimos anos son moitos os casos de plataformas con contidos pornográficos que tiveron serios problemas de viabilidade ante a negativa de diferentes compañías a manter os seus servidores e os seus sistemas de pagamento, facendo imposible de soster os seus negocios, o que semella unha imposición moral por parte do sector económico que resulta bastante difícil de xustificar na nosa sociedade actual, de aí que moitos celebren que OnlyFans non dese o seu brazo a torcer e decidise loitar para manter a súa política de contidos.

PUBLICIDADE