Opera proba a integración de Gemini no seu asistente de IA

martes, 28 de maio do 2024 Marcus Fernández

O navegador web Opera anunciou hoxe unha colaboración con Google Cloud para integrar os modelos de Gemini na función de IA do seu navegador, Aria. Aria funciona co motor Composer AI de Opera, que achega experiencias aos usuarios baseándose nas súas necesidades e non só utiliza un provedor ou LLM, senón que permite ao usuario escoller o modelo a empregar en función da tarefa que desexe realizar.
O modelo Gemini de Google é un LLM moderno, potente e fácil de usar, sendo o modelo máis capaz da empresa até o momento. Grazas a esta integración, Opera poderá ofrecer agora aos seus usuarios a información máis actualizada cun alto rendemento.
Opera leva máis dun ano explorando o potencial da IA para navegadores. Actualmente, todos os seus navegadores principais e o seu navegador para xogos, Opera GX, ofrecen acceso á nova IA para navegadores.
A partir de hoxe, Aria, na versión para desenvolvedores de Opera, ofrece capacidades gratuítas de xeración de imaxes utilizando o modelo Imagen 2 en Vertex AI. A IA de Opera tamén será capaz de ler respostas en voz alta de forma conversacional grazas ao modelo de texto a audio de Google.

PUBLICIDADE