Orange, Cinfo, Optare e Gammera sitúan a nosa terra na vangarda da experimentación 5G

mércores, 2 de xuño do 2021 S. P.

Este 2 de xuño foi unha data histórica para o futuro das telecomunicacións na nosa terra. O motivo? A presentación oficial da Unión Temporal de Empresas (UTE) formada pola operadora Orange e as empresas galegas Cinfo e Optare Solutions xunto coa madrileña Gammera Nest, para colaborar no desenvolvemento de probas de concepto centradas na tecnoloxía 5G. Con este acordo, sinalouse, “Galicia ponse á vangarda do novo estándar de tecnoloxía móbil, a tecnoloxía que marcará o futuro das comunicacións”.
Ao acto asistiron Mar Pereira, directora da axencia autonómica AMTEGA, Roberto Sánchez, secretario de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, e Luz Usamentiaga, directora xeral de RRII, Regulación, Comunicación Externa, RSC e Fundación Orange.
9 millóns de euros
O proxecto conta cun orzamento de 9 millóns de euros e colaboran nel outros moitos axentes, xuntando forzas e recursos, como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, o Servizo Galego de Saúde, a Universidade de Vigo, o Porto de Vigo, a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), a Escola de Enxeñería de Telecomunicación, a Armadora Pereira, o Grupo Agroamb, Albo, Eleko e Intel.
O obxectivo é “a procura de novas aplicacións para este novo estándar tecnolóxico”, unha tecnoloxía que vai facer posíbeis importantes avances no noso xeito de comunicarnos e traballar, salientou Orange, engadindo que os novos servizos xerados permitirán impulsar “de xeito decisivo a transformación dixital da sociedade e o tecido empresarial de España”.
A operadora tamén destacou que todos os parámetros apuntan a que a introdución do 5G nos diferentes sectores industriais podería reportar uns beneficios indirectos de 14.600 millóns de euros en 2025 no ámbito estatal, ademais “dun significativo impacto positivo na xeración de emprego”.
13 accións
Entre as probas que se están pondo en práctica en España para a futura aplicación do 5G están as 13 actuacións que este 2 de xuño presentáronse en Santiago e cuxo contido e obxectivos pódense consultar na web: 5gpilotosgalicia.orange.es. Ditas experiencias enmárcanse no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto da dita tecnoloxía que executa a entidade pública empresarial Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e co-financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O obxectivo deste Plan, que ten continuidade na Estratexia de Impulso á Tecnoloxía 5G, é “estimular a definición e implantación de múltiples casos de uso desta tecnoloxía a través da constitución dun ecosistema de socios tecnolóxicos, que unirán os seus esforzos co fin de acelerar o proceso para facer realidade nun futuro próximo a chamada economía dixital”.
Oportunidades de desenvolvemento
Orange fixo saber tamén que “a tecnoloxía 5G abre grandes oportunidades de desenvolvemento, progreso e futuro sustentábel”, grazas ás notábeis melloras que achega en prestacións tales como a velocidade e o largo de banda (con velocidades superiores a 100 Mbps e picos de até 1 Gbps), a ultra baixa latencia (ao redor de 1 milisegundo, fronte aos 20-30 ms das redes 4G) ou a capacidade de conectar dispositivos (con millóns deles en tempo real).
“Está a abrirse un novo eido de actividades que vai revolucionar a forma na que nos conectamos e do que aínda non coñecemos nin unha mínima parte de todo o seu potencial. Orange é un actor decisivo nesta revolución e, por iso, estamos a traballar en distintas experiencias e proxectos en Galicia a través dos cales experimentamos e desenvolvemos servizos de futuro como estes que presentamos, xunto cos nosos socios da UTE, en turismo 360 con realidade virtual, soporte remoto experto e control de planta de manipulado, educación 4.0 ou vídeo vixilancia”, afirmou Luz Usamentiaga.
A visión de AMTEGA
No acto tamén interveu Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, quen sinalou que grazas á UTE a nosa terra “aspira a ser unha das primeiras comunidades europeas en dispoñer dos servizos avanzados necesarios para a extensión no seu territorio da tecnoloxía 5G”.
Mar Pereira destacou a importancia do 5G para Galicia, xa que “permitirá as mesmas prestacións que a fibra” e, ao ser unha tecnoloxía sen fíos, “é clave para mellorar a conectividade nun territorio coma o noso, caracterizado pola dispersión poboacional e a complexidade orográfica”. Neste sentido, lembrou o compromiso do Estado, de acordo coas liñas establecidas pola UE, de lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps.
No acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura e foi clausurado polo secretario de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas, Roberto Sánchez, foron presentados en detalle 13 casos de uso, cun investimento de máis de 9 millóns de euros. 9 deles realízanse na provincia de Pontevedra, 2 en Lugo, 1 na Coruña e outro en Ourense.
Os casos de uso presentados hoxe foron os seguintes:
• Un sistema de video biométrico para limitar os accesos á lonxa de Vigo ao persoal autorizado;
• un soporte remoto experto para a industria que permite que un operario reciba instrucións a tempo real;
• un soporte remoto experto para poder recibir instrucións precisas en urxencias sanitarias;
• un control de procesos críticos en plantas de produción a través de comunicacións sen cables;
• un sistema de visita virtual para lugares turísticos;
• un sistema virtual de educación con clases con contido enriquecido 3D;
• un campus intelixente con tecnoloxías Virtual Analytics e Smart Lab;
• un control de empaquetado por procesamento de imaxe;
• un sistema de loxística e xestión de frotas sobre 5G;
• un sistema de vixilancia sobre 5G mediante aeronaves non tripuladas;
• un sistema de mellora da produtividade agraria mediante a correlación de parámetros aportados por sensores;
• un sistema que mellora o acceso móbil e que permite ofrecer servizos que hoxe soamente están dispoñíbeis con acceso de rede fixa ultra rápida de última xeración;
• un sistema de xogo interactivo multixogador masivo para teléfonos intelixentes;
• e un sistema de produción e transmisión de TV en directo.

PUBLICIDADE