Orange presenta os resultados dos 13 casos de uso da 5G en Galicia

xoves, 30 de xuño do 2022 Redacción

Orange presentou hoxe en Santiago de Compostela os resultados dos 13 casos de uso que desenvolveu en Galicia no marco do seu proxecto do Plan Nacional 5G. A nosa comunidade foi o escenario de dous proxectos do Plan Nacional e un proxecto propio do Plan Galicia 5G. En total, desenvolvéronse 30 probas de uso de esta tecnoloxía en aspectos como a asistencia médica en calquera lugar, a loita contra os incendios, a banca en áreas rurais, a educación, o deporte, o turismo, o agro... Estas probas implicaron un investimento de máis de 22 millóns de euros e mobilizaron cerca de 40 entidades públicas e privadas.
Este posicionamento de Galicia como rexión de referencia cara ao despregamento desta tecnoloxía fixo que Galicia acollera a primeira experiencia mundial de roaming en 5G e Vigo e A Coruña están entre as primeiras cidades de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.
No acto de Orange a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou que Galicia foi “un excelente campo de probas da 5G” e destacou como obxectivos que as operadoras avancen no despregamento territorial desta tecnoloxía e que os casos de uso que foron un éxito se implanten como solucións reais nos diferentes ámbitos produtivos.
A directora da AMTEGA indicou que, na última década, “os resultados das políticas de transformación dixital permitiron a Galicia avanzar na converxencia coas rexións máis avanzadas de Europa”. Estes resultados permiten agora “afrontar unha nova etapa e falar do desenvolvemento en Galicia da 5G, da Intelixencia Artificial, dos servicios na nube, da robótica e a automatización de procesos...”. Os proxectos pilotos de 5G mostran a importancia de aplicar estas tecnoloxías dende unha fase temperá do seu desenvolvemento. Segundo manifestou Mar Pereira, Galicia pode facelo “ao dispoñer dun sector tecnolóxico maduro e unha sociedade cada vez máis preparada”.

O presidente de Orange España, Gervais Pellisier, e seu conselleiro delegado, Jean-François Fallacher, tamén tiveron un encontro co presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Orange di considerar a Galicia unha das rexións chave para o desenvolvemento da súa actividade e quere contribuír de forma decidida á súa transformación dixital para impulsar as súas posibilidades de crecemento futuro, tal como quedou de manifesto no encontro celebrado entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; Gervais Pellisier, Presidente de Orange España; Jean-François Fallacher, CEO da compañía e Luz Usamentiaga, directora xeral de Regulación, Asuntos Públicos e Sustentabilidade de Orange.
En concreto, a compañía leva investidos en Galicia máis de 1.900 millóns de euros en conectividade, dos que 101 millóns dedicáronse a fibra óptica, o que se traduce en 670.000 fogares e comercios conectados en 70 municipios; e 227 millóns investíronse en despregamento 4G e 5G, o que posibilitou coberturas do 97,1% e 66%, respectivamente. Desta maneira, Orange xera preto de 2.400 empregos en Galicia, entre directos e indirectos e conta con 81 puntos de venda.

PUBLICIDADE