Ordes acolle en novembro tres obradoiros sobre os segredos de Internet

martes, 21 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

O Centro Comarcal de Ordes vai acoller en breve unha nova convocatoria de actividades encamiñadas a introducir á veciñanza na era do dixital. As iniciativas, organizadas polo dito centro en estreita colaboración coa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial) e o Concello de Ordes, desenvolveranse ao longo do mes de novembro, estando programada para os vindeiros días a apertura do prazo para as inscricións.
Os obradoiros que se levarán a cabo na Aula de Informática de Ordes, situada na Casa da Cultura, serán os seguintes: Viaxa coa Rede (4h), para aprender a organizar unha viaxe cos recursos que pon a nosa disposición Internet; Creación dunha conta de correo electrónico (6h), para introducírmonos na creación dunha conta e aprender a xestionala; Saúde en Internet (4h), para poder tirarlle partido a información da Rede e aprende a usar a páxina do Sergas para pedir cita co médico entre outras cousas.
Máis polo miúdo, o prazo para levar a cabo as matrículas comeza este xoves 23 de outubro, sendo preciso chamar ao Centro Comarcal de Ordes para formalizalas, e en horario de 11.00 a 15 horas. Por certo que o número de prazas para cada actividade é de 10 por orde de inscrición.
Para máis información contactar con Rebeca Sánchez no Centro Comarcal de Ordes ou no 981 68 83 86 ou por correo electrónico.

PUBLICIDADE