Os Google Home Mini poden funcionar en parella para ter son estéreo

martes, 12 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Os novos altofalantes conectados de Google ofrecen a posibilidade de emparellarse para funcionar como sistemas de son estéreo, pero esta funcionalidade non está a limitarse aos novos dispositivos, e finalmente tamén chega aos primeiros Google Home e Google Home Mini, que no seu menú de configuración presentan xa a opción de Par de altofalantes no que poder ligar un par de dispositivos para que un reproduza o audio esquerdo e outro o dereito de xeito que poden colocarse na mesma habitación para gozar dunha mellor experiencia musical.
Cando ligamos un par de altofalantes para que reproduzan música en estéreo na mesma habitación podemos asignar un nome para que a parella de dispositivos se comporten como un único altofalante, facilitando así o seu manexo, superando así a limitación propia dos altofalantes de 360 graos (que non tiran proveito do estéreo).
Dado que os Google Home Mini son produtos de reducido tamaño e prezo moi axustado (especialmente nestas datas, nas que experimentan numerosas ofertas) temos así unha solución moi cómoda para gozar de son estéreo e sen cables no fogar; mentres que en espazos de certas dimensións os Google Home tamén poden ser un bo xeito de dotalos de bo son, á vez que se pode tirar proveito do Asistente de Google nas estancias nas que se coloquen os dispositivos.

PUBLICIDADE