Os Macbook melloran a súa aparencia e potencia gráfica
martes, 14 de outubro do 2008
Os novos MacBook son todo un salto
evolutivo para Apple, pois permite achegar a un público domésticos as
prestacións que ata o momento reservaba para o usuario profesional. Para
comezar conta cun acabado de aluminio e estrea un sistema de fabricación na que
a carcasa está feita nunha peza chamada the
brick que podería axilizar o proceso de actualización dun modelo. Deste
xeito, os pequenos da familia portátil de Apple terían unha aparencia externa
moi semellante á dos MacBook Pro.
Pero a principal mellora destes equipos sería a incorporación do procesador
gráfico nVIDIA GeForce 9400M, que aínda que comparta a memoria co equipo,
permite manexar con fluidez gráficos tridimensionais na súa pantalla de 13,3
polgadas (cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles e retroiluminación LED) e
mesmo en pantallas externas soportando unha resolución de ata 2.560 x 1.600
píxeles. A propia Apple asegura que o novo equipo quintuplica a capacidade
gráfica do seu predecesor e, de feito, era o principal problema dese portátil,
que resultaba demasiado cativo para
moitas funcións que van dende a edición de vídeo ata o uso de videoxogos.
Tamén se pode destacar que o equipo incorpora un trackpad multitáctil de
cristal que prescinde de botóns físicos, conta cun tamaño bastante grande que
incluso permite o seu os con catro dedos á vez, cambiando o xeito de manexar o
portátil sen rato.
Nun principio os novos MacBook chegan en dous modelos: un cun procesador Core 2
Duo a 2 GHz, con 2 Gb de RAM e disco duro de 160 Gb e outro a 2,4 GHz, con 2 Gb
de RAM e un disco duro de 250 Gb, que se venderán a 1.149 e 1.449 euros
respectivamente, e que incluirán ambos unidade Superdrive, 2 portos USB e a
posibilidade de ampliar a súa memoria ata os 4 Gb e o seu disco duro ata os 320
Gb (ou mesmo de incorporar nos mesmos unha unidade SSD de 128 Gb).
Sorprende así que estes equipos cunha autonomía de ata 5 horas, de 2.04
quilogramos de peso e unhas medidas de 2,41 x 32,5 x 22,7 centímetros se vendesen como que ían a ser os primeiros
en custar menos de 1.000 dólares nos EE.UU., pero a explicación se pode atopar
en que Apple está a relanzar o vello Macbook (con carcasa branca) a un prezo
reducido, podéndose encargar dende España por un prezo que parte dos 899 euros,
o que os convertería nos equipos completos de Apple máis baratos do mercado
(pois os Mac mini non incorporan monitor).
Cómpre destacar que os novos Macbook estrean un conector Mini DisplayPort, polo
que para conectar o equipo a pantallas externas será preciso adquirir os adaptadores
correspondentes. O número de portos USB tamén parece bastante reducido (2) pero
resulta especialmente molesto que prescinda do porto FireWire que se viña
utilizando tradicionalmente polos equipos de Apple tanto para a captura de
vídeo dende videocámaras como para conectar unidades de disco externas.