Os Premios Innovagal distinguen unha manchea de proxectos TIC nos nosos centros educativos

luns, 24 de xaneiro do 2022 S. P.

O IES A Cachada de Boiro

O espírito innovador de seis centros educativos e outros tantos profesores da nosa terra vén de ser recoñecido pola Consellería de Cultura e Educación a través dos Premios Innovagal. Estes galardóns distinguen o compromiso coa implantación de iniciativas didácticas ou organizativas renovadoras e, tamén, a difusión de boas prácticas para crear novos referentes educativos.
No caso dos centros escolares, na categoría de escolas de Educación Infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de Educación Especial (CEE), colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e colexios de Educación Primaria (CEP), o Colexio Plurilingüe de Torre-Cela (Bueu) acadou o primeiro premio, mentres que o segundo galardón foi para o Colexio Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso) e o terceiro para o Colexio Valle-Inclán de Vigo.
Na categoría de centros públicos integrados e Institutos de Educación Secundaria, resultaron distinguidos o Instituto IES de Valadares (Vigo) co primeiro premio, o Instituto Plurilingüe A Cachada (Boiro) co segundo e o Instituto Manuel Murguía (Arteixo) co terceiro premio.
Ademais da dotación económica do premio (10.000€ para o primeiro, 6.000€ para o segundo e 3.000€ para o terceiro), nesta modalidade, os galardoados recibirán o distintivo de Centro Educativo Innovagal, que se exporá nun lugar visíbel no centro e figurará na súa páxina web e na documentación impresa. Esta certificación ten unha vixencia de catro cursos escolares.

CEIP Plurilingüe da Torre-Cela (Bueu)
Foi elixido para o primeiro premio cunha proposta centrada no cambio global do centro, a través da mellora diferencial dos espazos para integrar a todo o alumnado no seu tempo libre.
CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso)
Foi merecedor do segundo premio na modalidade de colexios, polos cambios innovadores que presenta baseados na organización de equipos de traballo particulares, do deseño do plan de centro con temáticas comúns, na aprendizaxe por competencias e da integración das familias de maneira activa no traballo educativo.
CEIP Valle-Inclán (Vigo)
Alzouse co terceiro premio por unha concepción do centro como unha microsociedade transformadora, cun proxecto anual de centro baseado na participación activa do alumnado e na súa repercusión positiva na contorna próxima.
IES Valadares (Vigo)
Os piares innovadores deste centro, que o fixeron merecedor do primeiro premio da súa categoría, son a integración paulatina de materias (MateLengua), a creación de proxectos educativos (co uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación -TIC- e fomentando a igualdade), a integración das profesoras de apoio coa súa implicación en todas as materias.
IES Plurilingüe A Cachada (Boiro)
Acada o segundo premio cun proxecto interdisciplinar propio, o STARgal, un evento cultural STEAM no que, con motivo das Letras Galegas, fan unha mostra anual de produtos audiovisuais e dixitais, combinada cunha competición de robots e videoxogos educativos. Este evento permite implementar a gamificación, as TIC e o traballo das competencias lingüística e cultural en galego nas aulas.
IES Manuel Murguía (Arteixo)
O traballo colaborativo interdepartamental é o fío condutor do proxecto proposto polo centro co que obtivo o terceiro premio. Así, coa participación de toda a comunidade educativa (na que se inclúen as familias), realizaron o proxecto cinematográfico musical denominado VIVE, cuxa recadación final foi destinada ao Banco de Alimentos da Coruña.

Modalidade docente
Na modalidade docente, outorgáronse seis dos oito premios convocados (dous quedaron desertos), cunha dotación económica de 3.000 euros cada un e unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 50 horas de formación permanente do profesorado.
Así pois, na categoría de centros de Infantil e Primaria outorgáronse dous dos catro premios convocados. Na submodalidade 1 (Deseño curricular e organización escolar) o premio foi para Lorena Estévez Álvarez (do colexio plurilingüe Sobreira-Valadares, en Vigo), cun traballo de deseño curricular e organización escolar que aposta por cambios globais na docencia, salientando novas metodoloxías, así como cambios na disposición do espazo (distribuído por ambientes) e tamén na programación de aula.
Na submodalidade 3 (Ámbito científico-tecnolóxico e matemático) foi para Rubén Molinero Malvido (do colexio Balaídos de Vigo), cun proxecto que abrangue o emprego das TIC na etapa de Educación Infantil, implementando a metodoloxía STEM de maneira adaptada para tratar diferentes ámbitos educativos (dende as matemáticas ata as artes). Traballou deste xeito en diferentes actividades, colaborando coas familias e o equipo docente. Algúns deses proxectos versan sobre os inventos (empregando a Realidade Aumentada), a reciclaxe (usando a técnica stop motion) ou a narrativa dixital (a través da robótica).
Na categoría de Ensino Secundario, Bacharelato e FP, o premio da submodalidade 1 (Deseño curricular e organización escolar) foi para María del Carmen Boado Aguinaga (instituto de Valadares, en Vigo), no apartado de deseño curricular e organización escolar. Esta profesora exerceu de coordinadora e promotora dun cambio profundo no centro, impulsando unha aprendizaxe innovadora na que o alumnado é o protagonista a través de metodoloxías activas e colaborativas, prestando especial atención a diversidade.
Sergio Clavero Ibáñez de Garayo (profesor da especialidade de Debuxo no instituto de Cacheiras, en Teo) alzouse co premio na submodalidade 2 (Ámbito lingüístico e social), cunha proposta na que emprega a arte coma un motor de desenvolvemento do pensamento crítico.
Esther Padín Vidal (da especialidade de Matemáticas do instituto A Xunqueira II, en Pontevedra) recibe o premio da submodalide 3 (Ámbito científico-matemático), centrado en achegar as matemáticas e as TIC á realidade a través de proxectos STEM, da cultura maker e dos clubs de ciencias, desenvolvéndoos de maneira interdisciplinar e colaborativa.
O premio na submodalidade 4 (Escolas saudábeis e abertas á contorna) foi para Mario Outeiro Iglesias, da especialidade de Física e Química do instituto Pedregal de Irimia, en Meira. A súa proposta está centrada en que o alumnado coñeza en profundidade a súa contorna, para así valorar o seu potencial económico.

PUBLICIDADE