Os Samsung Galaxy Buds poderían ser uns auriculares sen fíos con carga por indución

mércores, 6 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Continúan as filtracións relativas á presentación que Samsung prepara para o vindeiro día 20, e aparte de que se están a filtrar cada vez máis detalles dos novos Galaxy S10 e S10+, temos agora tamén un novo produto, os auriculares sen fíos Samsung Galaxy Buds, que na imaxe promocional filtrada destacan polo feito de que o seu estoxo de carga permitiría que os auriculares tomasen a carga por indución dun Samsung Galaxy S10+ (terminal capaz de recargar mediante a tecnoloxía de carga Qi outros dispositivos). Estímase que estes auriculares terían un prezo de 149 euros, polo que continuarían a ser máis competitivos que o produto de referencia neste segmento (os AirPods).
Sobre os Galaxy S10 e S10+ dan cada vez máis detalles, como que terían pantallas OLED de 6,1 e 6,4 polgadas respectivamente, integrando lector de pegadas dixitais nas mesmas. Ambos terminais terían cámara traseira tripla, mentres que o teléfono Plus destacaría porque a súa cámara frontal sería dual.
Pero estes móbiles non chegarían sos, senón que tamén terían unha interesante versión económica, o Samsung Galaxy S10e, con pantalla de 5,8 polgadas, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, cámara traseira dual e lector de pegadas dixitais tradicional, ou sexa, que practicamente teriamos o que se podería entender como o móbil insignia de 2018 (no que a especificacións se refire) como unha versión barata dos móbiles insignia de 2019.
Tamén existe a posibilidade de que o día 20 dean a coñecer unha versión do Galaxy S10 con 5G que tería un total de 6 cámaras (2 frontais e 4 traseiras) e o Galaxy F (o futuro móbil con pantalla flexible). En calquera caso temos a impresión de que o Unpacked que prepara Samsung vai ser máis importante que en ocasións anteriores, principalmente polo número de dispositivos que presentará, e a posibilidade de que deixe entrever algunhas das tecnoloxías dun futuro moi próximo.

PUBLICIDADE