Os Samsung Galaxy S7 e S7 edge saen á venda oficialmente esta semana

martes, 8 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro venres saen á venda oficialmente en España o Samsung Galaxy S7 e o Samsung Galaxy S7 Edge, smartphones que buscan ser o centro da experiencia conectada Galaxy e que combinan con grande acerto elevadas prestacións e elegante deseño, converténdose nos terminais con Android aos que aspiran todos os demais, conseguindo corrixir carencias presentes na anterior xeración como a ausencia de expansión da memoria interna mediante tarxetas microSD e de resistencia á auga.
Para facer aínda máis atractiva a compra destes smartphones, neste momento é posible facerse con eles recibindo sen custo adicional as lentes de realidade virtual Samsung Gear VR, que converten o teléfono nunha solución que facilitan o achegamento aos contidos de realidade virtual que este ano prometen emerxer con forza, para o que tamén xogarán un papel importante trebellos como a cámara Gear 360, que grava vídeo envolvente que logo poderemos reproducir de xeito envolvente, creando un xeito diferente e impresionante de rexistrar momentos emocionantes que poder revivir como se estivésemos dentro dos mesmos de novo.

Presentación na Coruña

JPEG - 70.2 KB
A cámara dos Galaxy S7 (á dereita) sobresae moito menos que na anterior xeración de smartphones de Samsung

Para dar conta da chegada destes novos smartphones (que nalgúns establecementos xa poden adquirise de xeito anticipado) Samsung organizou un encontro cos medios na Coruña, onde salientaron os puntos fortes dos novos Galaxy S7, como a súa luminosa cámara con tecnoloxía Dual Pixel (capaz de tomar fotografías nítidas con pouca luz) que tamén conseguiu sobresaír menos fisicamente considerablemente mente que no Galaxy S6; a excelente pantalla Super AMOLED con Gorilla Glass 4 3D e función Always-On (para que podamos ter sempre en pantalla información como a hora ou as notificacións, para non ter que estar acendendo completamente a pantalla ao longo do día en moitas ocasións); unha batería de longa duración e carga moi rápida (tanto mediante cable coma sen fíos); e as vantaxes que supón o ecosistema Galaxy, que nos móbiles máis avanzados inclúe tamén NFC, o que facilita o uso do sistema de pagamentos Samsung Pay.
Sobre este último elemento, no acto celebrado na Coruña tamén estaban presentes responsables de Abanca, entidade que nos últimos meses estivo a traballar conxuntamente con Samsung para adaptar os seus sistemas para que en poucas semanas os cliente da entidade bancaria poidan beneficiarse da realización de pagamentos co móbil cos terminais Samsung Galaxy actualmente de referencia (S6, S6 edge, S6 edge+, S7, S7 edge e o último A5).
O director de Medios de Pagamento de Abanca, Manuel Arroyo, salientou que “o sector financeiro está transformándose coa incorporación de novas tecnoloxía e queremos que os nosos clientes sexan os primeiros en España e Europa en poder gozar destas melloras”, o que confirman coa súa alianza con Samsung, de xeito que CaixaBank non será a única entidade que estreará Samsung Pay en breve, senón que hai máis entidades interesadas en popularizar o pagamento móbil en España por confiar na boa acollida que terá. Nesta liña Arroyo comentou que as estimacións actuais prevén que en 2020 o volume de operacións con tarxeta bancaria que se realicen mediante smartphones podería chegar á metade.

Dous terminais, dous tamaños

Para concluír podemos lembrar que a diferenza entre os dous novos móbiles de Samsung radica principalmente na súa pantalla, de xeito que o Galaxy S7 opta por unha pantalla Quad HD de 5,1 polgadas, mentres que o S7 edge chega até as 5,5 polgadas, cos seus laterais curvos, o que fai que esteamos ante un smartphone cun ancho inferior ao doutros smartphones con pantalla do mesmo tamaño, resultando máis ergonómico e atractivo. A batería do Galaxy S7 é de 3.000 mAh e, para compensar o seu maior tamaño, o S7 edge conta con batería de 3.600 mAh, polo que espérase que esteamos ante smartphones dunha autonomía moi superior á media.
O prezo oficial de venda do Galaxy S7 é de 719 euros, mentres que o Galaxy S7 edge custa 819 euros, incluíndo en ambos casos non só auriculares, adaptador de corrente e cable de datos, senón tamén un adaptador OTG para facilitar o uso de unidades USB dende o smartphone (accesorio moi práctico e habitualmente omitido por fabricantes de teléfonos e tabletas).

JPEG - 106.7 KB
As tarxetas bancarias de ABANCA poderán integrarse en Samsung Pay no seu lanzamento español

PUBLICIDADE